Cesáreo Sánchez Iglesias

Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, Ourense, 1951) formouse como arquitecto técnico cursando tamén Socioloxía e Ciencias Políticas, aínda que a súa andaina vital estivo unida, dende ben pronto, á literatura.

Fundador e responsable de diversas agrupacións culturais históricas (Lóstrego, Avantar, Alexandre Bóveda), dirixiu durante anos a división editorial do semanario A Nosa Terra, do que tamén foi presidente. Actualmente, e dende o 2005, é o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Poeta de dilatada traxectoria, conta xa no seu haber con preto dunha vintena de títulos, entre os que se atopan algúns dos máis aplaudidos en Galicia nas últimas décadas: Antonte das salmántigas (1980), O cántico da fonte (1982), A árvore das sete palavras (1990), O rostro da terra. A escrita da luz (1996) ―traducido ao catalán―, O rumor distante (2001) ―Premio Esquío― ou Caderno do Nilo (2013) ―Premio Antón Losada Diéguez.

Conferenciante e ensaísta, a súa obra ten sido escolmada en multitude de ocasións tanto en España coma fóra dela, sendo traducido a diferentes idiomas como un dos autores máis representativos da súa xeración.

A poesía de Sánchez Iglesias pulsa moi diversos rexistros, que van dende o simbolismo de novo cuño ata a lírica de evocación intimista, pasando polas recreacións do viaxeiro por territorios lonxincuos. A memoria, a identidade e a matria son algúns dos principais esteos nos que asenta a súa obra, unha das máis complexas e elaboradas deste tempo.