Nova: A Xunta abre a terceira edición da Residencia Xacobeo para que tradutores de todo o mundo viaxen á Coruña para exportar obras en galego

01/12/2022

A Xunta abre a terceira edición da Residencia Xacobeo para que tradutores de todo o mundo viaxen á Coruña para exportar obras en galego

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a nova convocatoria xunto a escritora e promotora da Residencia Literaria 1863 Yolanda Castaño, onde o beneficiario realizará a estadía para traballar e investigar
 

Con esta iniciativa búscase contribuír á proxección exterior da literatura galega e tamén impulsar o proceso de tradución á cidadanía con accións abertas ao público

A Coruña, 1 de decembro de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou a terceira edición da Residencia Xacobeo para tradutores e tradutoras de Literatura galega, a iniciativa convocada pola Xunta en colaboración coa Residencia Literaria 1863 para que tradutores de todo o mundo viaxen á Coruña para exportar obras en galego.

 

Como explicou o representante autonómico, dáse continuidade ao traballo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por divulgar e difundir a literatura galega e apoiar aos profesionais. “Nas dúas convocatorias anteriores comprobamos o interese que hai fora de Galicia polas nosas letras e é preciso darlle continuidade con propostas como esta que nos permiten incentivar o importante labor da tradución literaria ao tempo que promovemos o intercambio internacional”, explica Anxo M. Lorenzo.

 

Nesta edición, o autor seleccionado viaxará a Galicia durante o mes de marzo de 2023 para preparar o seu proxecto de tradución, para o que se aloxará nas instalacións da Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña que combina residencia con centro de xestión cultural na rúa Riego de Auga da Coruña. Desde alí, facilitaráselle un acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos culturais.

 

Ata o 30 de decembro

Poderá concorrer á convocatoria individualmente calquera tradutor literario maior de 18 anos e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de decembro de 2022. A solicitude deberá acompañarse cun currículo, proxecto de tradución dunha obra en galego para calquera outra lingua do mundo, en calquera xénero, un dossier literario e unha carta de motivación. A documentación debe remitirse ao enderezo electrónico da Residencia Literaria 1863, 1863coruna@gmail.com.

 

A profesora emérita da Universidade de Maine (Estados Unidos) Kathleen March foi a beneficiaria da primeira Residencia Xacobeo. Ao abeiro desta exitosa experiencia, a investigadora desenvolveu o seu traballo en Galicia sobre dúas obras en prosa de escritoras galegas: Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo, e Bibliópatas e Fobólogos, de Emma Pedreira, verténdoas para o inglés.

 

O poeta, editor e tradutor letón Arvis Viguls (Jēkabpils, 1987) foi beneficiario da II Bolsa en Residencia Xacobeo. A tradución do poemario do galego Hermo, que xa recibiu o interese de varias casas editoriais letoas ante as complicidades do sector cara unha literatura coma a galega, supuxo contar co primeiro volume individual dun poeta galego nesa lingua báltica.

 

A Residencia Xacobeo enmárcase no traballo do Goberno autonómico por divulgar e difundir a literatura galega mais alá de Galicia, fomentando a súa proxección exterior e internacionalizándoa. Hai varias liñas en prol da internacionalización da literatura galega, sinalando a presenza do sector nas feiras internacionais como a de Guadalajara (México), que se celebra ata o 4 de decembro, ou a convocatoria de axudas para o libro, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución á lingua propia de Galicia de obras publicadas en orixe noutros idiomas.

Comparte