Nova: Un novo proxecto cultural promoverá este outono a Galicia medieval a través da música, a arte e actividades divulgativas co apoio da Xunta

11/10/2022

Un novo proxecto cultural promoverá este outono a Galicia medieval a través da música, a arte e actividades divulgativas co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura participa na presentación da iniciativa ‘Reencontro coa Galicia Medieval’ que se celebra ata decembro en Negreira, Padrón e Ferrol

Negreira (A Coruña), 11 de outubro de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do proxecto Reencontro coa Galicia Medieval, unha nova proposta cultural que promoverá estes meses de outubro, novembro e decembro a Galicia medieval a través da música, a arte e distintas actividades divulgativas co apoio da Xunta, os concellos de Negreira e Padrón e Afundación.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, agradeceu aos promotores o seu traballo por achegar propostas culturais “para todos os públicos e de xeito repartido por distintas contornas urbanas e do noso rural, na liña do traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para achegar unha oferta cultural diversificada e distribuída por todo o territorio”, indicou. A proposta está coordinada polo catedrático Xosé Antonio Ponte Far e organizado polo Grupo Medievalium Gallaecia composto polo pintor Pedro Castro Couto, a catedrática e escritora Mª Eva Ocampo Vigo, a soprano e profesora do Conservatorio da Coruña Victoria Álvarez Acón, o zanfoñista e frautista Eloy Vázquez e o percusionista Alberto Cabezas.

 

O proxecto arrancará en Negreira, onde se celebrará do 22 ao 31 de outubro para continuar do 3 ao 14 de novembro en Padrón e pechar na sede de Afundación de Ferrol, do 3 ao 17 de decembro. Proponse un achegamento á Idade Media a través dunha exposición de pintura medieval do pintor Pedro Castro Couto; un concerto de música medieval con zanfoña e soprano polo Grupo Medievalium Gallecia, así como unha conferencia ilustrada con imaxes dos castelos medievais galegos polo catedrático Xosé A. Ponte Far. Tamén se editará unha unidade didáctica, A Idade media en Galicia (S. V-XV), da catedrática Mª Eva Ocampo Vigo, para alumnado de Secundaria, na que se explica historia, costumes e arte da época medieval en Galicia.

Comparte