Nova: Román Rodríguez subliña a revitalización do rural impulsada polos 15 primeiros proxectos do fondo Territorio Cultura da Xunta

26/09/2022

Román Rodríguez subliña a revitalización do rural impulsada polos 15 primeiros proxectos do fondo Territorio Cultura da Xunta

O conselleiro reúnese cos responsables das propostas subvencionadas ao abeiro deste programa para coñecer de primeira man o seu traballo a prol da ampliación e diversificación da oferta cultural nas áreas non urbanas

O Goberno galego achega inicialmente 630.000 euros para o desenvolvemento en núcleos rurais de 40 municipios dunha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación no ámbito cultural

Prevese a continuidade desta iniciativa cunha segunda quenda da convocatoria de subvencións en 2022 co mesmo investimento, o que elevará o importe a case 1,3M€

Os concellos da Estrada, Chantada, Frades, Monforte de Lemos, Portomarín e Vedra asisten á xuntanza en representación dos sete concellos adxudicatarios na categoría para entidades locais

Participan tamén os organizadores das oito propostas da modalidade para entidades privadas: programación expandida do Festival dos Eidos, Audacia cultural, a rede 5x5 de aulas de teatro, A Casa Vella, Vilaseco na aldea, Aldearmos, A ollada de Gustav e Ourizo Fest
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022.- A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, foi o escenario da xuntanza que o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, mantivo esta mañá cos responsables dos 15 primeiros proxectos subvencionados pola Xunta ao abeiro da primeira convocatoria do fondo Territorio Cultura, dotada con inicialmente 630.000 euros para ampliar e diversificar a oferta cultural do rural galego. Prevese tamén a súa continuidade cunha segunda quenda desta convocatoria de subvencións en 2022 co mesmo investimento, o que eleva o importe a case 1,3M€

 

O conselleiro de Cultura trasladoulles os parabéns en nome do Goberno galego polo importante labor de revitalización do rural que implican as súas respectivas iniciativas, en liña co espírito co que se puxo en marcha este novo programa para impulsar a dinamización cultural en concellos de ata 30.000 habitantes e cunha densidade máxima de 100 habitantes por km2.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu tamén a esta reunión, na que participaron os organizadores das oito propostas apoiadas na categoría para iniciativas privadas, así como os concellos da Estrada, Chantada, Frades, Monforte de Lemos, Portomarín e Vedra en representación dos sete concellos adxudicatarios na modalidade para entidades locais.

 

Núcleos rurais de 40 municipios

O conselleiro coñeceu de primeira man o traballo que están a desenvolver en núcleos rurais de 40 municipios de toda Galicia, nos que se desprega unha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en cinema, música, artes escénicas, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos. Para tal fin, contan con axudas que van desde os 20.000 aos 50.000 euros segundo os casos.

 

Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha este programa, a través da súa propia convocatoria de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Os 15 proxectos subvencionados responden a esta finalidade, no sentido de reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír, xa que logo, a incrementar a actividade cultural nas zonas rurais, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social.

 

Propostas adxudicatarias

Na modalidade destinada ás entidades locais, os beneficiarios son os concellos da Estrada para o seu proxecto de descentralización cultural na contorna rural; Vimianzo para o programa Costa da vida, que busca a implicación da veciñanza e de diferentes asociacións do municipio na dinamización sociocultural; Vedra para dotar dunha nova identidade cultural e visual o espazo da estación e contribuír, deste xeito, a revitalizar toda a zona; Chantada para as actividades do Verán cultural; Portomarín para conxugar danza e literatura en Portomariñeando: tecer libros e bailar; Frades para a posta en marcha do Centro de Cultura Tradicional, e Monforte de Lemos para a organización dos seus circuítos de artesanía e música galega.

 

Polo que respecta á categoría para proxectos de iniciativa privada, apóianse a programación expandida do Festival dos Eidos, organizada pola Fundación Uxío Novoneyra en Folgoso do Courel, con recitais poéticos, exposicións, rutas culturais, obradoiros, estreas audiovisuais e unha residencia literaria; as accións formativas e eventos de Audacia cultural en Abadín e Mondoñedo para favorecer a innovación profesional, a creatividade e o emprendemento neste sector; a rede 5x5 de aulas de teatro en cinco dos municipios do Camiño de Santiago (Allariz, Boqueixón, Lalín, Mazaricos e Silleda); o programa de residencias, formación e ciclos culturais no espazo de creación A Casa Vella, en Amiadoso (Allariz); o proxecto de produción en arte contemporánea Vilaseco na aldea, cos obradoiros, encontros e residencias que a galería Vilaseco desenvolve na aldea chantadina de San Cristovo de Mouricios; Aldearmos, proxecto cooperativo no que participan 15 entidades das provincias de Lugo e Ourense que integran a Rede Aldear para xerar sinerxías entre os axentes socioculturais do interior galego; a proposta A ollada de Gustav, da compañía escénica aAntena, cunha vintena de actividades en 14 concellos do Camiño para poñer en valor o acervo cultural local a partir do traballo do antropólogo danés Gustav Henningsen en Galicia, e o ciclo Ourizofest de seis concertos de cámara e outras accións paralelas en Castroverde, Friol, Guntín, Palas de Rei, Samos e Portomarín.

Comparte