Nova: A Xunta recorda a Luz Pozo Garza no día no que cumpriría cen anos cun concerto no Gaiás que pon música ao seu poemario ‘Sol de Medianoche’

20/07/2022

A Xunta recorda a Luz Pozo Garza no día no que cumpriría cen anos cun concerto no Gaiás que pon música ao seu poemario ‘Sol de Medianoche’

As 12 pezas do programa serán interpretadas mañá ás 19,00 horas no auditorio do Edificio Fontán pola mezzosoprano Joana Thomé e o Quinteto de Cordas Schubert, con entrada de balde

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta na presentación do concerto “o momento tan especial que imos vivir con esta merecida homenaxe a unha figura clave na literatura galega, escoitando poemas dunha obra que forma parte

importante da súa traxectoria vital e creativa”

Gabriel Bussi, o compositor do ciclo de cancións, cualifica a poesía da autora lucense como “moi suxestiva, musical, rítmica, emotiva e bonita”

 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022.- A Xunta presentou hoxe o concerto Sol de Medianoche co que completa a súa homenaxe á escritora Luz Pozo Garza no ano do centenario do seu nacemento. Os seus poemas musicados poderán escoitarse mañá, 21 de xullo, coincidindo co día no que cumpriría cen anos, no auditorio do Edificio Fontán na Cidade da Cultura, coa interpretación do Quinteto de Cordas Schubert e a mezzosoprano Joana Thomé.

 

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou o feito de culminar esta celebración ao redor de Luz Pozo Garza, falecida no 2020, con “este agasallo que lle facemos dalgunha maneira no día do seu cumpreanos a unha figura clave da literatura galega”. Neste senso, destacou a forma especial de homenaxear á poeta “cun concerto de música vinculado a un momento moi importante na súa traxectoria vital, persoal e creativa”, xa que o poemario Sol de Medianoche está dedicado á súa neta Natalia, que faleceu por enfermidade.

 

Gabriel Bussi, violinista e compositor, foi quen musicou este poemario tras a perda de Luz Pozo Garza. “Xusto o estaba escribindo cando eu a coñecín e síntome identificado con eses sentimentos expresados na obra”, afirmou. Así, explicou que a súa conexión coa autora vén de hai dez anos cando descubriu “a súa poesía tan suxestiva, rítmica, musical, emotiva e bonita” e se puxo en contacto con ela “forxando unha amizade”.

 

No acto estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; pola subdirectora xeral de Arquivos e Museos, Mª Carmen Calviño; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a comisaria da exposición Constelación Luz, Olivia Rodríguez, e a directora do comité científico da conmemoración do centenario, Carmen Blanco.

 

O concerto terá lugar mañá xoves, ás 19,00 horas, no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, con entrada de balde previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.gal. Ademais, no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia pódese visitar ata outubro a mostra bibliográfica e documental Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida baseada nas coleccións que a propia escritora doou á institución.

 

Gabriel Bussi e o Quinteto de Cordas Schubert

As 12 pezas que compoñen o programa de Sol de Medianoche serán interpretadas polo Quinteto de Cordas Schubert, formado por Gabriel Bussi e Ángel Marote (violíns), Raymond Arteaga (viola), Elena Escalza (violonchelo) e Fernando Rodrigues (contrabaixo).

 

Gabriel Bussi (Montevideo, 1975) é actualmente profesor violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia e violinista do Cuarteto del Pino e do Quinteto de Cordas Schubert. Gozou dunha ampla educación musical en varios continentes. Entre a obra recente, destaca a súa produción lírica, coroando o seu desenvolvemento artístico coa ópera La Tribuna e o ciclo de cancións Sol de Medianoche. É membro da Asociación Galega de Compositores.

 

Joana Thomé, mezzosoprano

A mezzosoprano brasileira Joana Thomé porá voz ao ciclo de poemas de Luz Pozo Garza. Rematada a súa formación no estudo de ópera da Guildhall School of Music and Drama (Londres), debutou en Inglaterra en compañías como a English Touring Opera (ETO) e Grange Park nos papeis de Dido en Dido and Aeneas, Messagiera e Proserpina de L’Orfeo e Primeira Ninfa de Rusalka (Dvorak).

 

Desde entón, actuou en Italia, Francia, China, EEUU, Brasil e España, e os seus papeis representados inclúen: Rosina (Rossini), Hansel (Humperdinck), Lucretia de The Rape of Lucretia (Britten), Cherubino (Mozart), Dorabella (Mozart), Carmen e Mercedes de Carmen de Bizet, Béatrice de Béatrice et Bénédict (Berlioz), Xerxes de Xerxes (Haendel) e Minerva de Il ritorno d’Ulisse in patria (Monteverdi), entre outros.

 

Comparte