Nova: Cara a onde? aborda no CGAC os cambios culturais e sociais desde a literatura

03/03/2015

Cara a onde? aborda no CGAC os cambios culturais e sociais desde a literatura

Bernardo Atxaga, Suso de Toro, Carme Riera e Bradley Epps participan, entre outros, neste ciclo que se desenvolve do 7 de marzo ao 20 de xuño, baixo a dirección do escritor Alfredo Conde

O profesor e ensaísta Ramón Nicolás, o editor Henrique Alvarellos e o crítico literario Xosé A. López Silva tamén participarán na iniciativa
 

  • O CGAC aborda en Cara a onde? os cambios culturais e sociais desde a literatura O CGAC aborda en Cara a onde? os cambios culturais e sociais desde a literatura
  • Anxo Lorenzo e Alfredo Conde no CGAC Anxo Lorenzo e Alfredo Conde no CGAC
  • Anxo Lorenzo e Alfredo Conde no CGAC Anxo Lorenzo e Alfredo Conde no CGAC
  • Anxo Lorenzo e Alfredo Conde no CGAC Anxo Lorenzo e Alfredo Conde no CGAC

Santiago, 3 de marzo de 2015.- Créase un novo espazo para a reflexión no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no que recoñecidas figuras do panorama actual como son Bernardo Atxaga, Suso de Toro, Carme Riera e Bradley Epps abordarán, a través da literatura, a situación da sociedade en relación coa cultura.

‘Cara a onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura’ é o título do ciclo quesedesenvolverá durante catro sesións, un sábado ao mes desde marzo ata xuño, baixo a dirección de Alfredo Conde. O escritor e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron esta mañá –xunto coa xerenta do CGAC, Pepa Fuentes–, a iniciativa, na que tamén participarán o escritor e xornalista Henrique Alvarellos, o profesor, editor e crítico literario Xosé A. López Silva e o profesor, crítico e ensaísta Ramón Nicolás.

Segundo recordou Anxo Lorenzo, o CGAC constitúe “un espazo de difusión cultural para dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea”.Ademais dos proxectos expositivos, o centro ofrece unha ampla programación de actividades que lle permite abordar a cultura contemporánea nun sentido amplo, a través de iniciativas como este novo ciclo, que terá lugar no auditorio do CGAC en horario de 12 a 14 horas e que será de entrada libre e gratuíta ata completar as localidades.

O 7 de marzo Bernardo Atxaga impartirá a conferencia ‘A cortiza e a áncora’. O escritor e membro da Real Academia Vasca da Lingua, galardoado con importantes premios internacionais e nacionais tanto en narrativa como en poesía, conta con obras levadas ao cinema e traducidas a 32 idiomas. Neste relatorio fará referencia ás razóns esgrimidas a favor e en contra do uso de linguas minoritarias.

O 11 de abril Suso de Toro defenderá que ‘Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide estado’. O autor galego compaxina a docencia co seu traballo literario, a creación de guións para radio e televisión e as colaboracións en diferentes medios de comunicación. Obtivo diversos premios literarios e a súa obra, traducida a varias linguas, foi obxecto de estudo en diversas universidades. Ao seu entender, as linguas precisan espazos sociais e nacionais para existiren e a protección dun estado que vincule a súa existencia á da propia lingua, ou non. Pregúntase se a lingua galega tivo un estado que a protexese desde 1975.

‘A literatura morreu, viva o fútbol’, relatorio de Carmen Riera o 23 de maio. Premiada pola autoría de novelas, contos e ensaios en catalán e castelá, é membro da Real Academia Española e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona. A súa obra foi traducida a numerosas linguas entre as que se atopa o alemán, o ruso, o grego ou o hebreo. A escritora expón a perda de interese do pobo pola literatura ao deixar de ser un feito ligado á cuestión nacional, fronte aos equipos de fútbol que si conseguen esa forte relación a pesar da orixe diversa dos seus integrantes.

A derradeira xornada será o 20 de xuño cun relatorio a cargo de Bradley Epps baixo o título‘A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística’. Profesor de literatura española en diversas universidades de Estados Unidos e Reino Unido como Harvard ou Cambridge, e fondo coñecedor das diferentes realidades culturais da península Ibérica, os seus traballos tocan temas como a muller, o xénero, a literatura o cinema ou a arte. Epps reflexionará sobre o estado permeábel e precario das Letras e sobre a estranxeiría como condición continxente: non se é estraño ou estranxeiro senón que se está. Unha condición que atravesa toda lingua normalizada, non normalizada e por normalizar.

Comparte