Nova: O Festival de Músicas Contemplativas ofrecerá 17 concertos na capital de Galicia

03/03/2015

O Festival de Músicas Contemplativas ofrecerá 17 concertos na capital de Galicia

A Cidade da Cultura, un dos novos escenarios do ciclo, acollerá o 28 de marzo un espectáculo de música turca a cargo de Meshk Ensemble

Promovido polo Concello de Santiago e a Consellería de Cultura e Educación, o festival porá en diálogo diferentes tradicións musicais do 27 de marzo ao 5 de abril

  • Meshk Ensemble actuará na Cidade da Cultura Meshk Ensemble actuará na Cidade da Cultura

Santiago, 2 de marzo de 2015.- O Festival de Músicas Contemplativas regresa á capital de Galicia cun cartel que inclúe 17 concertos en espazos singulares da cidade, aos que se une por vez primeira a Cidade da Cultura. Entre o 27 de marzo e o 5 de abril, o ciclo ofrecerá “un programa diverso e de gran calidade en lugares emblemáticos da cidade compostelá coincidindo coa Semana Santa”, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa do festival, que tamén foi presentado pola concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Organizado polo Concello de Santiago e a Consellería de Cultura e Educación –co apoio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, do Arcebispado compostelán e de Turkish Airlines–, o festival inclúe música espiritual, sacra e de raíz e volve promover na súa novena edición o diálogo entre o patrimonio musical e artístico, da man de formacións e solistas de Galicia e tamén procedentes doutros lugares.

En referencia aos espazos de celebración de Músicas Contemplativas, Anxo Lorenzo fixo fincapé na súa singularidade e interese patrimonial. Xunto coa Cidade da Cultura, o convento do Carme de Arriba incorpórase como novo escenario do festival, que tamén se desenvolverá no convento de Santa Clara, nas igrexas de San Domingos de Bonoval, de San Miguel, de San Paio de Antealtares, de San Fiz de Solovio e da Universidade, no Auditorio de Galicia, e na capela da Orde Terceira.

A Cidade da Cultura, novo escenario
Entre os países representados este ano no festival están, entre outros, Siria, Alxeria, Afganistán e Turquía. Deste último procede o Meshk Ensemble. A formación ofrecerá, o 28 de marzo na Cidade da Cultura, unha mostra do cerimonial Sema, dos semazen (dervixes) sufís, que inclúe pezas dun singular patrimonio perdidas e recuperadas polo seu director.

O festival está dedicado este ano aos Camiños. Nese sentido, Anxo Lorenzo recordou que, ademais de acoller un dos concertos da programación, a Cidade da Cultura se suma este ano á difusión e posta en valor da ruta xacobea a través do proxecto expositivo ‘Camiño. A orixe’, que se poderá visitar no Museo Centro Gaiás do 13 de marzo ao 13 de setembro.

Diálogo entre diferentes tradicións musicais
Un sólido elenco de artistas internacionais comparten cartel ao carón de músicos galegos e chegados a Compostela, como se dunha peregrinación musical se tratase, de diferentes puntos da península Ibérica.

A práctica da improvisación da música clásica do sur da India estará presente da man do mestre da frauta de bambú Shashank Subramanyan e do percusionista Sai Giridhar. O cartel tamén inclúea a Zooreh Jooya e o Ensemble Afghan, que afondarán na tradición musical que se atopa entre as máis refinadas de Asia coas súas Cancións de Afganistán.

O sirio Gani Mirzo, residente en España desde hai dúas décadas, amosará a súa sensibilidade e compromiso cos exiliados do seu país nun concerto no que non faltará a fusión de xéneros e tradicións como as músicas curda e xenericamente oriental, o flamenco e o jazz. Mentres que a alxeriana Beihdja Rahal afondará no corazón da tradición musical da cidade magrebí de Alxer e na expresión máis clásica da música arabo-andalusí.

Peregrinacións e viaxes
Algunhas das celebracións deste ano tamén estarán presentes na programación, como o 800º aniversario da peregrinaxe de Francisco de Asís a Compostela, da man de Ars Atlántica e o programa de himnos ambrosianos e gregorianos deseñado polo arpista compostelán Manuel Vilas. No seu quinto centenario, tamén se recordará o mundo poético-musical de santa Teresa de Ávila, nunha proposta no que o tenor José Manuel Montero e o arpista Juan Ramón Hernández interpretarán os seus poemas recitados e cantados con tons da liturxia e músicas de compositores da época.

A virtuosa zanfonista canadense Tobie Miller ofrecerá a súa experiencia vital e viaxeira nun programa no que alterna composicións orixinais con improvisacións e adaptacións sobre temas da tradición relixiosa doutras culturas. E na compaña do novo Projecto Alba, o público poderá realizar unha viaxe musical que parte da canción de Coimbra, do Fado, pasa por temas asociados a cidades do norte de Portugal e chega ata a canción galega.

O ‘Réquiem’ de Cristóbal de Morales, referente da polifonía renacentista ibérica, será interpretada polo conxunto Musica Ficta, considerado un dos máis destacados renovadores da interpretación da música antiga en España. As ‘Cantigas de Santa María’ de Alfonso X tamén serán protagonistas da novena edición do festival, baixo a representación de dúas iniciativas composteláns da relevancia de Resonet e da Escolanía da Catedral.

Camiño dos seus 50 anos de historia, unha institución de referencia na vida musical compostelá como o Orfeón Terra a Nosa presenta, a través da súa Capela Antiga, un programa de polifonía coral vinculado á Catedral de Santiago, mentres que, para a súa segunda participación consecutiva no festival, a Banda Municipal de Música de Santiago confeccionou un variado programa de composicións orixinais, transcricións e arranxos para orquestras de ventos de himnos, marchas e corais.

A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Maximino Zumalave, volve este ano centrar a súa atención nas cantatas de Sebastian Bach, acompañada da mezzosoprano Marta Infante. As orquestras galegas están dobremente representadas no festival e a Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar o festival no Auditorio de Galicia, compartindo escenario con emerxentes talentos como os do director británico Andrew Gourlay e a violinista xermana de orixe rusa Alina Pogostkina. O festival tamén conta coa participación da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia.

Entradas 
As entradas serán gratuítas para todos os concertos (agás os celebrados no Auditorio de Galicia), previa recollida de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal a partir do 12 de marzo. Ademais, os convites tamén se poderán recoller unha hora antes do inicio de cada concerto no lugar onde se celebre.

Comparte