Nova: Galicia Escena Pro ofrece mañá na súa segunda xornada seis espectáculos e unha mesa redonda sectorial sobre educación e artes escénicas

06/06/2022
Galicia Escena Pro ofrece mañá na súa segunda xornada seis espectáculos e unha mesa redonda sectorial sobre educación e artes escénicas
- As compañías Inversa Teatro, VACAburra, Rebordelos, Os Náufragos Teatro, Marcia Vázquez e Elahood ofrecen mañá martes funcións completas das súas obras
- O mercado galego de artes escénicas, promovido pola Xunta, celebra a súa novena edición en Santiago de Compostela ata o xoves con máis de 160 profesionais
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, desenvolverá mañá en Santiago a segunda das súas catro xornadas de actividade, con seis espectáculos en cartel e coa primeira mesa redonda sectorial, que porá o foco na relación entre as artes escénicas e a educación. O programa deste martes completarase cunha nova quenda de presentacións rápidas tipo ‘pitching’, na que catro compañías darán a coñecer as súas novas propostas diante dos responsables de programacións culturais, de circuítos e festivais acreditados no evento.
Máis de 160 profesionais do sector reúnense ata o vindeiro xoves en Santiago de Compostela arredor deste evento profesional, baixo a organización compartida da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación empresarial Escena Galega. Ademais, este ano retómase a presenza do público xeral, que poderá acceder á meirande parte dos espectáculos en formato completo, previa retirada dos convites na sede do mercado, instalada desde hoxe no Centro Obra Social Abanca, en horario de 10,00 a 13,00 h. e de 16,30 a 19,00 h.
Foro de debate
Este espazo, que centraliza a actividade de interrelación profesional e de negocio, acollerá ás 13,00 h. a primeira das dúas mesas redondas que se incorporan este ano á programación co obxectivo de que o mercado actúe tamén como foro de debate. Baixo o título Artes escénicas e educación, reflexionarase sobre o papel que xoga o sector na educación emocional, o soporte pedagóxico que lle achega ao currículo educativo e a necesidade de recuperar, tras dous anos de pandemia, a normalidade das funcións para público escolar. Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro, moderará esta sesión, na que participarán a vicepresidenta da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud, Noelia Fernández; o director do Padroado de Cultura do Concello de Narón, Luciano M. Fernández; a directora artística da Feira Europea de Teatro para Niños y Niñas-FETÉN de Xixón, Marián Osácar, e a directora do Festival elPetit-Festival Internacional d’Arts per a la primera infància de Cataluña, Eulàlia Ribera.
Tamén mañá ás 13,00 h. dará comezo a segunda sesión de ‘pitching’, destinada en exclusiva aos 56 programadores inscritos nesta novena edición. A compañía Moving Compass presentará o seu proxecto A barca do inferno, mentres que Paula Quintas Cía. dará a coñecer a súa obra Multiperspectivas #2, Cinema Sticado fará o propio con PYKA e Marta Alonso Tejada adiantará as claves de Sofá.
A exhibición de espectáculos principiará ás 11,00 h. no Salón Teatro con Hugo, montaxe de Os Náufragos Teatro que acaba de gañar o Premio de Teatro María Casares ao mellor espectáculo infantil. A peza, protagonizada por María Roja e Jimmy Núñez baixo a dirección de Gustavo del Río, fala da empatía e da necesidade da comunicación para realizar un achegamento escénico ao trastorno do espectro autista (TEA).
Danza na rúa
A praza de San Martiño Pinario acollerá ás 12,30 h. os dous espectáculos de rúa da xornada. Serán dúas pezas de danza da man de Marcia Vázquez, que presentará Onde pousa a humidade, e de Elahood, compañía galega de danza urbana e creación contemporánea formada por Sabela Domínguez e Julia Laport, coa súa proposta Intempestiva.
O Teatro Principal recibirá ás 16,30 h. a Rebordelos, compañía que presentará a súa nova produción, Amantis. A peza está dirixida por Tamara Canosa e protagonizada por Roque Ruiz, quen lle dá vida a un adolescente dun barrio obreiro que quere ser ‘influencer’. Amantis conta, ademais, cos audiovisuais do realizador Xacio Baño, quen asina a autoría da obra xunto á propia Tamara Canosa.
Xa ás 18,00 h., será a quenda de Inversa Teatro, que representará O péndulo no Auditorio Abanca. Escrito por Ernesto Is e Marta Pérez, quen tamén actúa xunto a Rosa Puga Davila e Nerea Brey, e dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio, este espectáculo achégase ao teatro-documental para amosar o inicio da Guerra Civil en Galicia a través da historia do bisavó da propia Pérez.
A segunda xornada de Galicia Escena PRO finalizará ás 20,00 h. no Salón Teatro con Festina Lente, montaxe de danza de VACAburra. Dirixida por Andrea Quintana e Gena Baamonde, a peza reflexiona sobre o momento presente nun mundo no que a pel-pantalla coloniza as novas relacións.