Nova: O Castro de Viladonga celebra en maio as Letras Galegas e o Día dos Museos con actividades para todos os públicos

13/05/2022

O Castro de Viladonga celebra en maio as Letras Galegas e o Día dos Museos con actividades para todos os públicos

Haberá concertos, xogos tradicionais e outras propostas no xacemento e o espazo museístico da Xunta os días 17, 18 e 21, con entrada libre ata completar a cabida

Castro de Rei (Lugo), 13 de maio de 2022.- O Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, súmase en maio ás celebracións do Día das Letras Galegas, do Día Internacional do Museos e da Noite dos Museos con diversas actividades para todos os públicos. As propostas terán lugar durante as xornadas do 17, o 18 e o 21 deste mes, con acceso libre ata cubrir a cabida, no marco da programación deseñada pola Xunta de Galicia para a primavera, destinada tanto á cidadanía xeral como a centros ensino.

 

Así, na xornada do 17 de maio, ás 18,00 horas, haberá unha lectura dramatizada a cargo da xornalista Tania Fernández Lombao, natural de Castro de Rei. Estará acompañada polo cuarteto de música tradicional Leña Verde, do concello de Pol.

 

As actividades continúan o Día dos Museos, 18 de maio, co espectáculo El jardín del viento, a cargo de Cal y Canto Teatro, que terá lugar ás 11,30 horas. Trátase dunha actividade que mestura danza, xesto, unha coidada ambientación musical e a manipulación de grandes obxectos voadores. Dirixida a centros educativos da contorna, xa confirmaron a participación os CEIP Castro Verde, Virxe do Monte e Álvaro Cunqueiro, así como o CPI Friol, que suman unha asistencia de 250 escolares.

 

Noite dos museos con xogos, música e baile

A celebración da Noite dos Museos será o sábado 21, de 17,30 a 20,30 horas. Arrincará con xogos tradicionais para público infantil da man da asociación, Xotramu, que desde Muimenta (Cospeito) traballa a prol da recuperación de xogos e deportes tradicionais. A partir desa mesma hora, a agrupación musical local Os Valuros amenizará a xornada pola contorna do museo e do castro.

 

A continuación, a escola de baile Oxeito ofrecerá Verbena Galega D’antes, un espectáculo participativo de baile e música ambientado nos anos 40 e 50. Por último, a formación Afecto y Desdén, con Gemma Román como soprano; Uxía Delgado coa teorba e guitarra barroca, e Pablo Ruibal coa viola de gamba, pechará a xornada cun concerto de música antiga, de 19,30 a 20,30 horas. Como colofón, a partir das 21,00 horas haberá petiscos e unha queimada ofrecidos pola Asociación de Amigos do Castro de Viladonga e o Concello de Castro de Rei.  

 
Programación de primavera

As propostas forman parte da programación de primavera deseñada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a prol da difusión do xacemento, do labor desenvolvido arredor del e dos fondos custodiados no centro museístico. Nesta liña de acción estanse a desenvolver tamén obradoiros e visitas guiadas con máis dunha vintena de centros de ensino e a participación de case 1200 escolares. 

Comparte