Nova: A Biblioteca de Galicia celebra as Letras Galegas mostrando primeiras edicións da obra de Florencio Delgado Gurriarán
12/05/2022
A Biblioteca de Galicia celebra as Letras Galegas mostrando primeiras edicións da obra de Florencio Delgado Gurriarán
A exposición da Xunta dedicada ao autor de Valdeorras conta con arredor de 40 pezas, entre libros, xornais, CD´s ou revistas, dos fondos custodiados no Gaiás
Entre as obras destacan os exemplares orixinais das súas publicacións de poesía e os números impresos da revista ‘Vieiros’
O acto de inauguración contou coa presenza de Ricardo Gurriarán, en representación da familia do homenaxeado
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca “o significado de reunir estas obras, nas que se dá conta do legado deste orixinal poeta e da influencia do seu exilio mexicano"
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022.- A Xunta inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia unha exposición no marco da conmemoración do Día das Letras Galegas, centrada na figura de Florencio Delgado Gurriarán. A mostra Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán na Biblioteca de Galicia reúne arredor de 40 pezas bibliográficas relacionadas co autor de Valdeorras pertencentes aos fondos custodiados no Gaiás, entre libros, xornais, CD’s ou revistas.
No acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, fixo fincapé na importancia de “reunir esta obra, moita dela difícil de atopar, con libros que son primeiras edicións, na que se dá conta do legado deste orixinal poeta e a súa influencia mexicana, chegando a incluír nos seus versos verbas crioulas autóctonas, mesturadas con termos galegos dialectais”. Ademais, engadiu, “queda patente a contribución que facemos coas Letras Galegas, poñendo en valor os fondos e coleccións desta Biblioteca”.
Anxo M. Lorenzo agradeceu o importante labor de difusión de Ricardo Gurriarán, familiar do homenaxeado e autor da súa primeira biografía. O historiador, presente no acto, mostrou a súa ledicia “por esta colaboración tan importante que fai esta entidade para difundir a obra de Florencio e que me ten abraiado”.
A mostra, comisariada por Lorenzo Romero, técnico da Biblioteca de Galicia, pretende facer un pequeno percorrido para coñecer a obra máis significativa do escritor e poeta ourensán e mostrar os lugares onde transcorreu a súa vida, tanto as terras valdeorresas ás que cantou nos seus versos, como as mexicanas, que o acolleron e influíron na súa poética. De feito, trátase do primeiro protagonista das Letras Galegas que representa aos intelectuais do exilio mexicano, onde xurdiron numerosas iniciativas culturais e proxectos editoriais de diversa índole.
A revista Vieiros
A compilación da produción bibliográfica, tanto propia como allea, relacionada con Florencio Delgado Gurriarán, fai un repaso pola súa biografía, o seu contacto coa prensa, a súa creación poética e pola súa figura como tradutor e activista cultural. Nese percorrido faise unha especial parada na revista Vieiros, da que foi impulsor dende México. Desta publicación pódense observar nas vitrinas da Biblioteca de Galicia os catro únicos números que saíron da imprenta. Ademais, proximamente poderán consultarse en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.
Primeiras edicións da súa produción poética
A mostra permitirá observar as primeiras edicións dos catro libros de poesía do homenaxeado. Trátase de Bebedeira, publicado pola Editorial Nós en 1934; Galicia Infinda, que sacou á luz Salnés en Vigo en 1963; Cantarenas: poemas 1934-1980, de Ediciós do Castro (1981), e O soño do guieiro: poemas, poemiñas e poemoides, tamén publicado por Ediciós do Castro, en 1986.
Ademais, nun dos expositores recóllense as primeiras edicións dos libros nos que colaborou Florencio Delgado Gurriarán nos que se reflicten as súas facetas de tradutor e activista cultural. Neste apartado figuran Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, obra publicada en Bos Aires por Alborada en 1949, e Presencia de Galicia en México, libro editado polo Padroado da Cultura Galega nese país en 1956.
Biografía de Florencio Delgado Gurriarán
Florencio Delgado Gurriarán naceu en Córgomo (Valdeorras) en 1903 e faleceu en Fair Oaks (California) en 1987. Licenciouse en Dereito en Valladolid en 1924 e exerceu a avogacía no Barco de Valdeorras. A biografía deste autor abrangue practicamente todo o galeguismo do pasado século XX, dende experiencias como a do Seminario de Estudos Galegos (1923), o Partido Galeguista, o rexurdimento literario dos anos 30 ou a defensa do Estatuto de Autonomía do 36, ata momentos tan dramáticos como a guerra civil (1936-1939) e o exilio en México.