Nova: A Xunta inviste 150.000 euros no funcionamento das salas Gurugú e Teatro del Andamio na Coruña e Ártika e Ensalle en Vigo

02/05/2022

A Xunta inviste 150.000 euros no funcionamento das salas Gurugú e Teatro del Andamio na Coruña e Ártika e Ensalle en Vigo

Estes catro espazos de titularidade privada repiten como beneficiarios da convocatoria de subvencións para contribuír ao desenvolvemento dunha programación profesional de artes escénicas

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022 A Xunta de Galicia acaba de facer pública a resolución de adxudicación das súas subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada, a través da que distribúe 150.000 euros entre os espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e os coruñeses Sala Gurugú e Teatro del Andamio.

 

Os catro locais repiten por terceiro ano consecutivo na súa condición de beneficiarios desta liña de apoio, convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en réxime de concorrencia competitiva. A prioridade da convocatoria é impulsar o desenvolvemento dunha programación de carácter profesional e a consolidación destes recintos como xeradores dunha destacada actividade ao servizo da difusión das artes escénicas.

 

Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, a sala Ártika volveu acadar a máxima puntuación, en base á que recibirá unha subvención de 53.083 euros, seguida de Teatro Ensalle cunha achega de 50.378 euros, Teatro del Andamio con 26.783 euros e Sala Gurugú con 19.784 euros. Estas contías deben destinarse a cubrir os gastos vinculados coa súa programación, como remuneracións por espectáculo, servizos asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade. Así mesmo, se considera subvencionable ata o 10% dos custos indirectos, como alugueiros, subministracións e gastos correntes, entre outros.

 

Como en anos anteriores, para a concesión das axudas creouse unha comisión de avaliación que tivo en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a pertenza á Rede Galega de Salas o ano pasado. O proxecto presentado, con aspectos como o número de funcións ou a programación de compañías galegas, foi outra das cuestións valoradas, así como o plan de comunicación e de xestión de públicos, os recursos humanos implicados, a viabilidade económica e a porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento.

Comparte