Nova: A Xunta inicia o proceso de diálogo cos colectivos sociais para a futura Lei autonómica que promoverá a inclusión e accesibilidade da cultura en Galicia

05/04/2022

A Xunta inicia o proceso de diálogo cos colectivos sociais para a futura Lei autonómica que promoverá a inclusión e accesibilidade da cultura en Galicia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, dá comezo á rolda de contactos con distintas entidades para abordar xuntos o anteproxecto desta lei pioneira

Búscase achegar a cultura a todas as persoas en igualdade de condicións tanto na creación profesional e fomento do talento como no consumo dos servizos culturais
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022.- A Xunta vén de iniciar o proceso de diálogo con diferentes colectivos sociais e culturais para coordinar o deseño da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, o texto normativo co que o Goberno autonómico convértese en pioneiro en España en desenvolver unha lei específica que blinde a inclusión e accesibilidade no sector. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantivo durante a xornada de hoxe os primeiros encontros con entidades vinculadas á infancia, a familia, a inclusión, á xuventude ou aos maiores cos que abordou o borrador do anteproxecto.

Son reunións que supoñen un paso máis na elaboración desta lei autonómica na que a Xunta traballa desde o ano pasado para garantir unha participación efectiva, inclusiva e en igualdade de condicións de todas as persoas tanto na creación profesional e no fomento do talento coma no desfrute dos produtos e servizos culturais. En palabras do representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta normativa nace para conciliar a cultura coa realidade de diferentes colectivos e en risco de exclusión social. “Buscamos achegar a cultura a todas as persoas pero tamén queremos dar visibilidade á creatividade ao talento artístico de todas as persoas que en ocasións permanecen invisibles ao público”, expresou.

Sensibilización e investigación
Por iso, pretende abarcar as dúas direccións de relación das persoas coa cultura, tanto a vertente creativa e xeradora de produtos e servizos culturais como a vertente de acceso e consumo destes produtos e servizos.

Ao mesmo tempo, estenderá a súa aplicación a calquera tipo de formato ou manifestación cultural. Preténdese, ademais, reforzar distintas ferramentas no ámbito da colaboración ou da cooperación e da difusión, pero tamén levar a cabo actividades de sensibilización e de formación, polo que tamén se fará fincapé na investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica e dixital para acadar solucións que permitan unha mellora da accesibilidade universal.
Novos encontros
Nos encontros de hoxe participaron representantes de entidades como a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, a Asociación de Familias Monomarentais, a Comisión Católica Española de Migración (ACCEM), Cáritas Diocesana, Asociación Aspas, Asociación de familias de menores trans, a Confederación Galega de Organizacións de Maiores ou a Federación Gallega de Alumnos de Universidades Senior, entre outras.

Esta rolda de contactos continuará nas vindeiras semanas con diferentes colectivos do eido da atención á desigualdade e das institucións e industrias culturais para continuar avanzando na primeira lei en España neste eido.
 

Comparte