Nova: Nimbos de luz regresa a Guitiriz no 101 aniversario do nacemento de Díaz Castro

19/02/2015

Nimbos de luz regresa a Guitiriz no 101 aniversario do nacemento de Díaz Castro

Acordo de cesión para que a mostra se poida exhibir na localidade natal do escritor, onde xa fora inaugurada pola Xunta hai un ano

  • Nimbos de luz regresa a Guitiriz no 101 aniversario do nacemento de Díaz Castro

Santiago, 19 de febreiro de 2015.- No día en que se cumpren 101 anos do nacemento do poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Guitiriz reforzan a súa colaboración para continuar difundindo a vida e a obra do autor. Con este obxectivo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, asinaron hoxe un acordo mediante o cal a Consellería lle cede ao Concello a exposición ‘Nimbos de luz’, que ao longo de 2014 percorreu un total de 18 municipios das catro provincias no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2014.

Regreso ao concello natal do poeta
Promovida polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, en colaboración con Galaxia/Merlín Comunicación, ‘Nimbos de luz’ iniciou a súa itinerancia na Casa Habanera de Guitiriz, a onde regresará de novo para seguir difundindo a vida e a obra do escritor. Alí foi inaugurada hai xusto un ano pola Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a Asociación Cultural Xermolos e o Concello de Guitiriz, nun acto que supuxo o inicio das actividades dese ano arredor de Díaz Castro.

Tras este período inicial no municipio lucense, a mostra percorreu Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, Lalín, A Estrada, Redondela, Cee, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Laracha, A Coruña, Lugo, Ourense, A Rúa, Cee e Celanova.

Percorrido viltal de Díaz Castro
A través de 14 paneis temáticos, ‘Nimbos de luz’ constitúe un achegamento á vida e á obra do poeta homenaxeado coas Letras Galegas en 2014. A exposición estivo comisariada por Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo, estudosos da obra do autor lugués, que, dun xeito divulgativo, para todos os públicos, presentaron o percorrido vital que o levou de Guitiriz a Mondoñedo, pasando por Vilagarcía de Arousa e Madrid.

Ao abeiro desta cesión, de carácter gratuíto e por un período de 10 anos prorrogables, a mostra pasará a formar parte do proxecto de exposición permanente da Casa Habanera de Guitiriz. Trátase dun dos edificios máis emblemáticos da localidade lucense, realizado polos emigrantes da Sociedade de Guitiriz e a súa Comarca da Habana en 1910, e que actualmente lle ofrece á cidadanía os servizos de biblioteca pública e de centro cívico.

Comparte