Nova: As familias poden plantar as árbores do Bosque de Galicia

09/02/2015

As familias poden plantar as árbores do Bosque de Galicia

A Fundación Cidade da Cultura, co apoio da Fundación USC Deportiva, pon en marcha unha actividade lúdica e didáctica aberta a nenos e maiores na que se dará a coñecer o proxecto e se difundirán valores ambientais

O proxecto conta coa dirección dos técnicos forestais da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA) e co asesoramento de expertos da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega
 

  • As familias poden ser parte do Bosque de Galicia plantando árbores nas ladeiras do Gaiás As familias poden ser parte do Bosque de Galicia plantando árbores nas ladeiras do Gaiás

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a toda a cidadanía a participar dunha forma simbólica na construción do Bosque de Galicia plantando unha árbore no Gaiás. A través da Fundación Cidade da Cultura e co apoio da Fundación USC Deportiva, persoais individuais ou en grupos poderán acudir os sábados pola mañá a encher de vida as ladeiras do monte Gaiás.

O Bosque de Galicia é a intervención paisaxística que se está a levar a cabo nas zona non urbanizadas do monte Gaiás, no que se atopa a Cidade da Cultura. Este proxecto, coordinado pola Fundación Cidade da Cultura, conta coa dirección técnica de SEAGA, a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, e o asesoramento da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, que está a realizar un seguimento dos traballos.

O novo bosque suporá a plantación de 9.800 árbores, todas elas de especies autóctonas, e dos que xa se teñen plantado 3.500. Esta plantación formará un fondo visual de bidueiros e agrupacións illadas, a xeito de manchas, doutras especies: carballos, espiños, serbais, castiñeiros e loureiros.

Ademais da dirección de técnicos forestais e da supervisión de expertos paisaxistas de recoñecido prestixo, o proxecto ten unha dimensión social e está a contar co traballo de Amicos, a Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual.

A iniciativa ‘Planta unha árbore no Bosque de Galicia arrancará este sábado, 14 de febreiro, e terá lugar todos os sábados ata o 25 de abril, agás en Semana Santa. Con esta actividade, a Fundación Cidade da Cultura, dunha forma lúdica e ao mesmo tempo didáctica, busca achegar a cidadanía ao proxecto ao tempo que se difunden valores naturais, de conservación ambiental e hábitos de vida saudables.

Planta unha árbore no Gaiás
Cada sábado organizaranse dous grupos de 25 persoas: a primeira quenda ás 10 e a segunda ás 11:30 e ademais de plantar unha árbore, os participantes farán un percorrido polo Bosque de Galicia, coñecerán de primeira man o proxecto e levarán para casa unha fotografía que recorde a súa contribución a este espazo verde. A actividade é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.gal.

Desde o pasado mes de setembro, cando comezaron estes traballos, ate este momento, rozouse unha superficie de 22 hectáreas no monte Gaiás, plantáronse 3.500 árbores dos 9.800 previstos, todos eles de especies autóctonas, e rematouse co paseo arborado no actual vial de acceso á Cidade da Cultura

O proxecto do Bosque de Galicia elabórase a partir dos estudos e achegas procedentes dos seguintes organismos e documentos: Plan Sectorial da Cidade da Cultura de Galicia, Proxecto de Eisenman Architects, Laboratorio de Arqueoloxía, Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago, Plan de Mobilidade da Cidade da Cultura de Galicia, Plan Especial Brañas do Sar, Estratexia Verde para o Concello de Santiago, Escola Galega da Paisaxe Fundación Juana de Vega. Ademais, a plantación conta co traballo de persoal de Amicos, a Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual.

Tal e como estaba previso no plan presentado públicamente en agosto, esta primera fase de actuación sobre o monte Gaiás complétase coa recuperación de camiños existentes e a apertura de novas sendas, que facilitarán o acceso a pé dos vistantes, achegando a Cidade da Cultura á cidade de Santiago.

Próximas actuacións
Tras esta fase inicial de roza e plantación, o Bosque de Galicia sufrirá unha serie de actuacións artelladas en varias fases, que incluirá a ampliación dos traballos de limpeza e de roza pola ladeira noroeste, cara á pobación do Viso; así como a continuación dos traballos de plantación de árbores.

A construción dunha rede de sendas peonís completarase cunha mellora dos accesos entre as Brañas do Sar e a Cidade da Cultura, construíndo un escaleira de acceso que una o Gaiás coa cidade; e a apertura de novos camiños polas ladeiras noroeste e sureste.

Na fase final, realizarase unha actuación paisaxística específica no cumio do monte e procederase á recuperación dos trazados agrícolas así como á promoción e realización dos traballos necesarios para a realización de actividades produtivas: cultivos, alvarizas...

Co fin de garantir que o Bosque de Galicia sexa un espazo sustentable, o proxecto abordarase tendo en conta os seguintes principios de actuación: limitación de consumo de recursos naturais, necesidade dun baixo mantemento, e a absorción dos residuos que xere.

Comparte