Nova: Performance final de Félix Fernández nas Torres Hejduk

08/02/2015

Performance final de Félix Fernández nas Torres Hejduk

O artista ofrece ata o 15 de febreiro ‘Subtextos dun patrón de mantemento’, tres intervencións nas que reivindica a necesidade de xerar conciencia sobre puntos escuros da sociedade

  • Performance final de Félix Fernández nas Torres Hejduk Performance final de Félix Fernández nas Torres Hejduk

Santiago, 8 de febreiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca a riqueza conceptual de ‘Subtextos dun patrón de mantemento’, proxecto levado a cabo nas Torres Hejduk polo galego Félix Fernández tras gañar a II Convocatoria de Intervención Artística convocada entre os participantes no IV Encontro de Artistas Novos, celebrado no mes de setembro.

Tras meses puidendo visitar as tres intervencións artísticas realizadas nas Torres Hejduk, Félix Fernández executou esta mañá a performance final que completa un proxecto dotado dunha gran riqueza conceptual no que o artista reivindica a necesidade de xerar conciencia sobre puntos escuros da sociedade como paso previo para a procura de solucións.

Conceptos como inactividade, bucle, sociedade do espectáculo, brillo, desbaldimento, esgotamento, incapacidade, oferta-demanda, asfixia, resignación ou desexo deron vida á performance que conclúe unha intervención artística de tres partes coa que Félix Fernández nos amosa o indesexado.

Explorar o indesexado
‘Subtextos dun patrón de mantemento’ poderá visitarse ata o 15 de febreiro de 2015 nas Torres Hejduk de luns a domingo e de 10 a 20 horas. O visitante que se achegue ata este punto da Cidade da Cultura está convidado a reflexionar sobre o “indesexado” e a necesidade de xerar conciencia sobre puntos escuros da sociedade, como paso previo para a procura de solucións.

As Torres Hejduk transfórmanse, deste xeito, nun espazo que funciona como espello metafórico da frustrante situación actual: a torres de cristal envolta en fume simboliza a tormenta interior que contrasta coa torre opaca, ocupada por monitores de seguridade –nos que se combinan imaxes en tempo real con outras en diferido creadas para o espectador- como alegoría do poder. Aunando esta dualidade, a figura dun home suspendido no interior do cilindro acristalado chamará a atención do visitante sobre a inactividade ante a realidade que se nos ofrece. Coa combinación das tres intervencións, Félix Fernández tenta facer visible simbolicamente o proceso de toma de conciencia.

As intervencións completáronse coa actuación performántica en directo, na que o propio Félix Fernández interactuou coas Torres Hejduk presentadas como un lugar para a inactividade e a acción suspendida, con breves e puntuais momentos coreográficos.

 

Talento emerxente da creación contemporánea
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, o galego Félix Fernández preséntase como un dos nomes emerxentes da creación contemporánea en España, artista multidisciplinar que emprega a videocreación e a performance para presentar o seu discurso artístico. A creatividade o ten feito merecedor de numerosos galardóns, como o Premio ‘Novos Medios’ do Festival Internacional de Cine de Ourense, o premio á mellor videocreación internacional do Festival Canarias Mediafest, o Premio ‘Estampa’ de creación artística da Casa de Vélazquez (Madrid), así como galardóns no Festival Lesgaicinemad 15, no certame de artes plásticas da Deputación de Ourense, no Visualsound Barcelona o concertame para artistas novos do Auditorio de Galicia en Santiago.

O traballo de Félix Fernández será a segunda intervención que se leve a cabo nas torres procedente do Encontro de Artisas Novos. O ano pasado acolleron o proxecto colectivo En ningún lugar, obra de Juan Cañamero, Iago Eiroes, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Estreve Reig, Alejandro Ramírez e Pablo Martínez Muñiz, comisariados por Carlos Delgado Mayordomo. Ademais, as torres teñen acollido exposicións de artistas como Pamen Pereira, Ramón Conde, Alejandra Sampedro ou Ana Soler.
 

Comparte