Nova: A Xunta contribúe á oferta cultural de Santiago e Ames con 27 funcións da rede de teatros e auditorios

17/12/2021

A Xunta contribúe á oferta cultural de Santiago e Ames con 27 funcións da rede de teatros e auditorios

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe nas presentacións das novas programacións de artes escénicas que desenvolverán ambos os concellos durante o primeiro semestre de 2022

O Teatro Principal santiagués e as casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro forman parte deste circuíto autonómico, no marco do que exhibirán os últimos espectáculos de 22 compañías profesionais galegas de teatro e danza

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021.- Os concellos de Santiago de Compostela e de Ames anunciaron hoxe as novas programacións de artes escénicas que desenvolverán durante o primeiro semestre de 2022 e para as que contan co apoio económico da Xunta de Galicia, que cofinancia a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios 27 das representacións que terán lugar no Teatro Principal santiagués e nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Ambas as presentacións contaron coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen salientou a calidade da oferta integramente galega que os tres espazos poñen a disposición dos espectadores como integrantes deste veterano circuíto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade adiantou, así mesmo, que pese ás restricións sanitarias, a rede pechará este ano 2021 con máis de 500 citas culturais para todo tipo de públicos. Ao tempo, os 40 escenarios que a integran teñen xa pechadas as carteleiras que desenvolverán ao seu abeiro durante os vindeiros seis meses, sumando 329 funcións de 159 espectáculos de teatro, música, danza, circo e maxia a cargo de 128 formacións artísticas, galegas na súa meirande parte.

Estrea absoluta

No caso de Santiago, a Xunta achega máis de 30.700 euros para a contratación de 12 representacións de sete dos 33 espectáculos que conforman a nova programación de artes escénicas de Compostela Cultura. A primeira das citas da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Principal en 2022 será, ademais, unha estrea absoluta: O deus do pop, autobiografía de carácter fantástico que o creador Diego Anido porá en escena os días 21 e 22 de xaneiro.

Os días 28 e 29 do mesmo mes chegará a Santiago Cigarreiras, espectáculo de Contraproducións baseado en La tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Xa en febreiro, os días 3 e 4 o Teatro Principal acollerá a adaptación teatral doutra novela, neste caso da aplaudida Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, a cargo de Sarabela Teatro.

Pola súa banda, Ibuprofeno Teatro escenificará o 17 e 18 de febreiro a traxicomedia Smoke on the Water, a nova creación de Santiago Cortegoso. Tamén ese mes e dentro da programación específica para público familiar, o día 19 poderá verse a versión teatral de Os nenos da varíola, de María Solar, por Pérez & Fernández.

En marzo, os días 4 e 5 será a quenda de Rastros, unha das pezas máis representativas de Roberto Vidal Bolaño, que regresa a escena da man da compañía Con De Tres Pés en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG).

A oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Santiago para o primeiro semestre de 2022 péchase con Fran Sieira Compañía de Danza. Será o 20 de maio coa peza de baile e música tradicional galega DeMente, na que se plasma o estigma social arredor das patoloxías relacionadas coa saúde mental.

Quince espectáculos en Ames

Dentro deste mesmo circuíto, Ames ofrecerá 15 funcións doutras tantas propostas galegas de teatro, danza e circo, para o que conta cunha achega de máis de 26.400 euros por parte da Xunta. Na presentación de hoxe, foron os representantes das propias compañías os que deron conta dos espectáculos que exhibirán durante os próximos meses tanto na Casa da Cultura de Bertamiráns como na do Milladoiro.

A primeira delas acollerá as montaxes Gloria nacional, de Teatro do Noroeste (14 de xaneiro); Estrela do día, de Producións Teatrais Excéntricas (21 de xaneiro); A parábola do angazo, de Talía Teatro (11 de febreiro); A lúa vai encuberta, de Incendiaria en coprodución co CDG (11 de marzo); Asdomare, de Rilo & Penadique (18 de marzo); Golfa, de Crémilo Proxectos Culturais (25 de marzo); Hugo, de Os Náufragos (1 de abril), e Reino da extinción, de Amorodio Teatro (6 de maio).

A programación será tamén intensa na Casa da Cultura do Milladorio con O mozo da última fila, de Redrum Teatro (28 de xaneiro); DROP, de Pistacatro Produtora de Soños (4 de febreiro); Ás para Álex, de Baobab Teatro (11 de febreiro); Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico (18 de febreiro); As que limpan, de A Panadaría (18 de marzo); Aibō, de Compañía Eléctrica (25 de marzo), e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada (22 de abril).

Comparte