Nova: A Cidade da Cultura convértese este mes na capital do teatro, a danza e a arte en acción

31/01/2015

A Cidade da Cultura convértese este mes na capital do teatro, a danza e a arte en acción

Supón a estrea en España de obras de La Ribot, Marcelo Evelin e Pablo Larraín 

O festival comeza o 4 de febreiro, cun Museo Centro Gaiás convertido nunha gran praia na que Cláudia Dias reflexiona sobre identidade e territorio, e coa estrea de ‘Atlas’ de Ana Borralho e Joao Galante

Baixo a dirección artística de Pablo Fidalgo, e ata o 21 de febreiro haberá unha vintena de espectáculos e conferencias, xunto con varios grupos de reflexión para profesionais do sector

  • Carteis das obras do festival 'Escenas do cambio' Carteis das obras do festival 'Escenas do cambio'
  • Carteis das obras do festival 'Escenas do cambio' Carteis das obras do festival 'Escenas do cambio'
  • Carteis das obras do festival 'Escenas do cambio' Carteis das obras do festival 'Escenas do cambio'

Santiago, 31 de xaneiro de 2015.- A Cidade da Cultura convértese durante este mes de febreiro na capital do teatro, a danza e as artes en movemento a través do festival ‘Escenas do cambio’, que arranca este mércores no Museo Centro Gaiás. Ata tres obras de grandes creadores como a Premio Nacional de Danza La Ribot, o creador brasileiro Marcelo Evelin e o chileno Pablo Larraín farán no marco deste festival a estrea en España das súas últimas creacións.

Baixo a dirección artística de Pablo Fidalgo, ‘Escenas do cambio. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción’ celebrará entre o 4 e o 21 de febreiro un total de dezasete espectáculos, catro conferencias-performances e varios grupos de reflexión que abordarán diferentes aspectos, problemas e retos das artes escénicas. A política, o compromiso da arte, a realidade social ou a memoria individual serán algunhas das temáticas que ofreza un festival que conta coa implicación do público, a experimentación e novidosas linguaxes como señas de identidade.

Compañías galegas e latinoamericanas
Ao longo das tres semanas que dura o festival, polos escenarios do Museo Centro Gaiás pasarán compañías clave do teatro galego como Matarile coa peza íntima ‘Teatro invisible’ ou a primeira colaboración entre os tres mellores contadores do noso tempo: Celso F. Sanmartín, Quico Cadaval e Francisco Gutiérrez ‘Guti’.

‘Escenas do cambio’ recuperará a grandes creadores que, ademais, farán en Santiago de Compostela a estrea en España das súas últimas creacións. Así, La Ribot, Premio Nacional de Danza en 2000, trae o sábado 7 ao Gaiás ‘El triunfo de la libertad’, obra realizada xunto a Juan Loriente e Juan Domínguez que desde a súa estrea en Xenebra segue dando moito que falar entre crítica e público.

Un día antes, o 6 de febreiro, Marcelo Evelin, un dos coreógrafos contemporáneos máis destacados do panorama actual, estreará por primeira vez nun país europeo a peza ‘De repente fica tudo preto de gente’, danza tribal e contemporánea que supón un regreso ás raíces máis puras de Brasil ata acabar sendo un canto de amor ao corpo e á orixe do mundo. Nunha sorte de ring imaxinario, Evelin fai que bailaríns e público compartan, na escuridade, o mesmo espazo.

Destaca tamén a estrea en Europa de ‘Acceso’, obra do chileno Pablo Larraín, director da mítica película ‘NO’ e que este mes de febreiro formará parte da competencia oficial na Berlinale coa súa última cinta ‘El club’. Como nos ten acostumados co seu cine, Larraín aborda en ‘Acceso’ unha historia dura cos abusos sexuais como trasfondo. Nela preséntanos un gladiador urbano que revela sinais profundos dun lugar de vida, dor e goce, acompañado dunha linguaxe lumpen, atroz e poética á vez.

Estrea con dúas producións lusas
‘Escenas do cambio’ arranca este mércores con dúas producións lusas: ‘Atlas’, na que os artistas Ana Borralho e Joao Galante subirán ao escenario a cen persoas de Santiago de Compostela sen experiencia previa no teatro; e ‘Vontade de ter vontade’, na que Cláudia Dias reflexionará sobre identidade e territorio nun Museo Centro Gaiás convertida nunha gran praia.

Polos escenarios do Museo Centro Gaiás pasarán creadores que conviden á reflexión sobre a democracia actual como Roger Bernat coa obra ‘Pendiente de voto’, na que a interacción co público se fai máis que manifesta: os asistentes á representación convértense en improvisados deputados dun hemiciclo imaxinario no que terán que votar todo o que alí pase, incluída a duración da obra. E tamén pezas que se movan ao redor da danza como o documental escénico de Olga de Soto ‘Una introducción’, onde a recoñecida coreógrafa investiga as pegadas que deixou no espectador ‘A Mesa Verde’, considerada unha obra esencial na Historia da danza.

A segunda semana será a quenda de América Latina con: Oligor e Microscopía (México), Pablo Larraín (Chile) e Lola Arias (Arxentina), coa que colaborarán os galegos Branca Novoneyra, Diego Anido, Amaya González Reyes e Uxía P. Vaello. Todas elas están próximas a unha idea de teatro documental, onde se traballa a unión do escenario e a vida, e onde se deixa claro que na forma de relacionarnos co noso pasado está a posibilidade de construír un futuro. E de América Latina a Europa coa obra italiana ‘UNTITLED_I will be there when you die’ de Alessandro Sciarrioni, unha práctica coreográfica e performativa no paso do tempo que nace dunha reflexión sobre a arte dos malabares.

‘Escenas do cambio’ rematará a fin de semana do 20 e 21 de febreiro con ‘La edad de oro’, unha peza capital para entender a evolución do flamenco a cargo de Israel Galván, Premio Nacional de Danza en 2005, coa asesoría artística de Pedro G. Romero e a compaña do cantaor El Niño de Elche. O broche final porao Tiago Rodrigues con ‘By heart’, unha performance onde dez espectadores terán que aprender un soneto de Shakespeare.

Conferencias e grupos de reflexión
De forma paralela ás funcións, ‘Escenas do cambio’ celebrará catro conferencias nas que se porán sobre a mesa novas formas de facer chegar a arte ao público. Arrancará a coreógrafa Olga Mesa con “Principio de… Vocabulario en la frontera de la visión” e seguiranlle Thomas Walgrave, director do Alkantara Festival; María Muñoz, directora artística de Mal Pelo e creadora de “L’animal a l’esquena”, un centro de investigación sobre a linguaxe artística contemporánea; e a coreógrafa Idoia Zabaleta, que explicará un percorrido vital que partindo de Azala, un espazo de creación situado no medio rural alavés, chega ata a Azalea, que é unha estrutura de produción experimental situada en calquera lugar.

Xunto coa necesidade de ofrecerlle novas propostas ao público, ‘Escenas do cambio’ trata de ser un lugar de confluencia de profesionais do sector das artes escénicas. Por iso, conta con varios grupos de reflexión que serven de acompañamento a festival, que terán lugar na primeira semana. Esta parte máis profesional do festival contará cun grupo de reflexión dedicado aos xestores culturais que estará dirixido por dous grandes da escena nacional: Olga Mesa e Xesús Ron. De forma paralela, ‘Escenas do cambio’ dedicará un espazo para novos artistas baixo a coordinación de Clàudia Dias e Idoia Zabaleta.

Entradas a 8 euros
As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros, excepto as obras ‘El triunfo de la libertad’ de La Ribot, ‘Mis Documentos’ de Lola Arias e a actuación musical de Mónica de Nut, que son de balde. Para estas tres últimas será preciso retirar invitación no Museo Centro Gaiás a partir do 3 de febreiro, cun máximo de dúas entradas por persoa.

‘Escenas do cambio’ ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500. Ao igual que todas as actividades do programa cultural da Cidade da Cultura, ‘Escenas do cambio’ conta co patrocinio privado da Fundación Gaiás.

Comparte