Nova: Román Rodríguez salienta que a Xunta pon en marcha un programa de apoio ‘sen precedentes’ as industrias creativas a través do hub audiovisual

21/09/2021

Román Rodríguez salienta que a Xunta pon en marcha un programa de apoio ‘sen precedentes’ as industrias creativas a través do hub audiovisual

A iniciativa do Goberno galego, dotada con 9,6M€ ata 2023, exercerá de “polo dinamizador” canto á calidade creativa, á competitividade e á creación de emprego

O titular de Cultura pon en valor a celebración da cita ourensá, que é a máis lonxeva de Galicia
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, expresou o compromiso do Goberno galego coas industrias culturais a través da posta en marcha do Hub Audiovisual da Industria Cultural, unha iniciativa de apoio “sen precedentes” para “acelerar” o seu desenvolvemento e “garantir un chan de estabilidade” para os profesionais deste eido. Así o sinalou esta mañá durante a presentación da vixésimo sexta edición do Festival de Cine de Ourense, OUFF.

Logo do momento “de esplendor creativo e de madurez” acadado polos creadores audiovisuais galegos nos últimos anos, Román Rodríguez expresou que agora cómpre dar “un salto de calidade extra” que contará con todo o apoio da Xunta de Galicia en tres eixos de actuación: desenvolver o potencial competitivo, reforzar a creación de emprego tanto nas industrias creativas como nas auxiliares e xerar un efecto tractor que converta a Galicia en referente da produción audiovisual.

Primeira convocatoria para atracción de rodaxes

Neste obxectivo a Xunta vén de deseñar unha ferramenta específica, o Hub Audiovisual, dotado con orzamento de 9,6M€ ata 2023 a través de fondos europeos, e do cal xa se materializou a primeira das convocatorias, con 2M€ para a atracción de rodaxes.

Segundo explicou Román Rodríguez, trátase dunha “aposta clara” pola industrialización e a modernización dun sector que en Galicia dá traballo a máis de 2.000 persoas e xera ingresos por máis de 127M€. “Un impacto que medra cada día máis e que adquire protagonismo por dereito propio no desenvolvemento económico da comunidade” abondou.

Un dos exemplos de calidade e bo facer é precisamente o OUFF de Ourense, un proxecto que naceu en 1996 da man de Eloy Lozano e que hoxe está consolidado como o certame internacional de carácter competitivo máis lonxevo de Galicia e plataforma de descubrimento de creadores punteiros tanto na escena galega como na internacional.

Precisamente nesta edición, que conta con 60.000 euros de apoio da Consellería, homenaxéanse persoeiros da talle de Gonzalo Suárez, Sergio Moure, Alfonso Blanco Fosco, Enrique Cerezo ou o premio Chano Piñeiro para Beli Martínez entre outros.

Flexibilización sen baixar a garda

Román Rodríguez tamén se referiu ao especial esforzo de organización no contexto de pandemia, cun escenario “máis optimista que hai un ano” e con condicións máis flexibles, pero sempre “sen baixar a garda”.

Neste senso, subliñou que “a través do compromiso de todos, conseguiremos que o sector audiovisual galego recupere plenamente á súa actividade”.
 

Comparte