Nova: A Xunta e a Fundación Repsol renovan a súa colaboración no impulso da lingua galega a través da XV edición do Premio de Narrativa Breve

25/06/2021

A Xunta e a Fundación Repsol renovan a súa colaboración no impulso da lingua galega a través da XV edición do Premio de Narrativa Breve

O galardón esta dotado con 12.000€ e a publicación da obra na Editorial Galaxia

O obxectivo do certame é dinamizar a creación literaria nesta lingua
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Relacións Externas de Fundación Repsol, Pilar Núñez, asinaron hoxe o convenio para formalizar a convocatoria da décimo quinta edición do Premio Narrativa Breve Repsol. Durante o acto estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro. Deste xeito, a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol renovan un ano máis a súa colaboración no impulso da lingua galega.

Ambas partes coincidiron en destacar este premio como un certame xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas. Así mesmo, incidiron na súa importancia tanto para abrir as portas do mundo editorial a novos creadores como para dar prestixio á obra de autores xa consolidados no eido literario.

A dotación do premio ascende a 12.000€ e inclúe a publicación da novela gañadora pola Editorial Galaxia. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata o vindeiro 31 de xullo e os textos deben estar escritos conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todas as obras presentadas deben ser inéditas, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán á Fundación Repsol, á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.

Quince anos de historia

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e pola Fundación Repsol desde 2010, e convocado en colaboración coa Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Conta, desde o inicio, co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, encargada de editar as obras gañadoras.

O obxectivo deste certame á dinamizar a creación literaria en lingua galega. Non en balde, son xa máis de 450 as obras presentadas desde a posta en marcha desta iniciativa cultural e máis de 14 as narrativas gañadoras publicadas.

A obra premiada na primeira edición foi Se algún día esta muller morta (Miguel Sande) e accesit para O insomnio dos centauros (Xavier Lama). Nas seguintes edicións premiouse a Así nacen as baleas (Anxos Sumai), A verdade como mal menor (Xosé Luís Martínez Pereiro), Os Fíos (Xurxo Sierra), Microbios e outros paquidermos (Fernando Díaz-Castroverde), A forma das nubes (María López Sande), O derradeiro libro de Emma Olsen (Berta Dávila), A diagonal dos tolos (Santiago Lopo), Fontán (Marcos Calveiro), Nordeste (Daniel Asorey), O sono das seras (Xosé Antonio Neira Cruz), Extraordinario (Antón Lopo) e Diario dun enterro (Gonzalo Hermo). Na última edición recaeu en Berta Dávila, coa obra Illa Decepción.

Ao longo deste ano desenvolveranse diferentes accións culturais para celebrar as XV edicións do certame que terán como protagonistas as obras e escritores galardoados.
 

Comparte