Nova: Profesionais da música analizan no Salón Teatro a rendibilidade da distribución nas plataformas dixitais

13/03/2021

Profesionais da música analizan no Salón Teatro a rendibilidade da distribución nas plataformas dixitais

O director da Agadic inaugurou ‘Monetiza a túa música’, no marco do V Ciclo de Xornadas das Industrias Musicais organizado pola Xunta e a Fundación Paideia

Pechou o encontro unha actuación da cantautora galega Sheila Patricia

As xornadas continúan o 17 de abril na Cidade da Cultura de Galicia e o 8 de maio no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021.- O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolleu hoxe a primeira das sesións do V Ciclo de Xornadas das Industrias Musicais, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza. Baixo o título Monetiza a túa música en liña, expertos na materia abordaron as vías para rendibilizar a distribución musical a través das plataformas dixitais.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na apertura do encontro, onde salientou a continuidade deste foro e a súa utilidade para avanzar no encontro e desenvolvemento do sector, máis aínda tendo en conta o novo contexto xurdido coa pandemia sanitaria e as dificultades para o consumo da música en vivo. “Temos que mirar inevitablemente ás posibilidades de retorno económico que nos ofrecen outros xeitos de consumir música máis alá da experiencia dos directos”, afirmou.

Tamén se referiu a que nos últimos meses a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou todos os recursos para poñer en marcha un plan urxente de reactivación cultural, con programas de dinamización en novos formatos musicais, como foron por exemplo Galicia Emerxe ou as gravación de Directos Xacobeo en Salas. “Pero como profesionais, estamos obrigados a explorar outros eidos de explotación e de beneficio económico que indefectiblemente teñen que pasar pola mirada cara ao entorno dixital”, engadiu.

Persoas expertas na contorna dixital da música

O coloquio correu a cargo de Ana Biedma, A&R Label Manager en Altafonte, onde acompaña a selos, managers e artistas para mellorar o posicionamento en liña dos seus lanzamentos, ademais de asesoralos para sacarlles o máximo rendemento a todas as ferramentas dixitais. Licenciada en Xornalismo e Máster en Industria Musical y Estudios Sonoros, traballou en empresas do sector musical como Green UFOs, Ticketea ou Universal Music Spain.

Xunto a ela interveu Saúl Cabrera, consultor e formador de estratexia empresarial especializado en internacionalización e desenvolvemento de negocio que suma case unha década na industria musical coordinando o desenvolvemento de mercado de EmuBands para LATAM e España. Especializado no ámbito económico da distribución dixital, combina as súas funcións de dirección co asesoramento a selos discográficos e artistas.

O xornalista e experto en comunicación Luís Fraga moderou a sesión, que se pechou coa actuación da cantante galega Sheila Patricia.

Novas sesións en Santiago e no Grove

O V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais Amplificando o directo: novos escenarios na contorna dixital continúa o 17 de abril, cunha nova sesión no Edificio CINC da Cidade da Cultura. Nela, Karen Saurí, video music producer na axencia audiovisual Canada, e Jesús Guisado, codirector do festival Monkey Week, afondarán no contido audiovisual no éxito musical. O derradeiro encontro será o 8 de maio no Náutico de San Vicente do Grove, coa manager Rosa Lagarrigue e a experta en medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo. Ambas analizarán o desenvolvemento do talento no escenario dixital.

Todas as sesións inclúen un showcase dunha banda ou artista emerxente galega e poderán seguirse de xeito presencial, respectando as limitacións de aforo marcadas pola lexislación no momento da súa celebración, e tamén a través de live streaming previa inscripción na web de a Fundación Paideia Galiza.

Comparte