Nova: A Xunta completa a programación do primeiro semestre no CGAC con dúas exposicións sobre a música electrónica e a forza da imaxe

25/02/2021

A Xunta completa a programación do primeiro semestre no CGAC con dúas exposicións sobre a música electrónica e a forza da imaxe

O representante autonómico reivindica os museos galegos como espazos seguros que ofrecen á cidadanía unha diversa oferta cultural e de lecer

As mostras inclúen actividades complementarias como sesións de escoita, conferencias, un ciclo de cinema ou un seminario en liña

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia completa a programación do primeiro semestre do ano no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), coa apertura de dúas novas exposicións, Pauline Oliveros. Retrospectiva, centrada na música electrónica, e Breaking the Monument. Estas mostras súmanse a Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, comisariada por Ángel Cerviño, unha selección significativa de traballos plásticos realizados polo alumnado que pasou polas aulas Facultade de Belas Artes de Pontevedra que conmemora o seu 30 aniversario e que pode visitarse desde a semana pasada.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado polo director deste centro museístico, Santiago Olmo, presentou estas dúas mostras nunha rolda de prensa na que reivindicou os museos galegos como espazos seguros que están xa a disposición da cidadanía para ofrecerlles unha diversa oferta cultural, así como diferentes opcións de lecer. Neste sentido, explicou que estas dúas novas exposicións van acompañadas de actividades complementarias como conferencias, sesións de escoita, un ciclo de cinema ou un seminario en liña.

Malia a pandemia, o CGAC acadou o pasado ano os 27.000 visitantes grazas a unha proposta que vén de ser recoñecida polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como un dos proxectos culturais máis destacados da Comunidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade recalcou o compromiso do Goberno galego co reforzo da dotación deste centro museístico, para o cal os orzamentos de 2021 duplican a contía para a adquisición de obras de arte, tras a incorporación o pasado ano de 24 novas obras de arte contemporáneo de 20 artistas galegos á colección do CGAC-Xacobeo. Así mesmo, as contas deste ano inclúen unha partida para a elaboración dos proxectos das futuras sedes do CGAC en Vigo e Lugo.

Innovación musical

Pauline Oliveros. Retrospectiva, que se pode visitar desde hoxe ata o 13 de xuño, repasa a traxectoria desta pioneira da música electrónica e creadora do concepto da Escoita Profunda. A mostra está comisariada por Álvaro Rodríguez Fominaya, que esta mesma tarde ofrecerá unha conferencia sonora arredor da mesma.

En colaboración co C3A de Córdoba, a exposición organízase a través de máis de 100 documentos, entre os que hai composicións, cartas, ensaios, fotografías, audios e vídeos que relatan toda a súa traxectoria e traballo no ámbito da improvisación, a meditación, a performance e a música electrónica. Entre os materiais seleccionados pódese ver o método de traballo de Pauline Oliveros, a través dos numerosos bosquexos e versións executadas para as distintas obras.

Así mesmo, hai unha sección dedicada aos traballos relacionados coa tecnoloxía, dado que Pauline Oliveros foi unha pioneira das actuacións telemáticas, realizando a primeira en 1996, e traballou durante toda a súa traxectoria con programación informática, novos instrumentos e aplicacións.

A mostra reflicte tamén o seu labor como académica, editora e activista, primeira directora e cofundadora do San Francisco Tape Music Center e creadora da Deep Listening Band e do Deep Listening Institute; tarefas que a converten nunha das compositoras máis influentes da súa época.

Ademais da conferencia sonora que ofrecerá esta tarde o comisario da mostra, como actividades complementarias cada día celebraranse dous pases (ás 12,00 h. e ás 17,00 h.) no auditorio do CGAC do programa de escoitas sonoras Deep Listening, 1989. Así mesmo, entre o 18 de maio desenvolverase un obradoiro de escoita profunda, da man de Jane Rigler, así como un ciclo de cinema do 21 ao 23 de maio.

Imaxes de resistencia

Comisariada por Fernando Gómez de la Cuesta e Santiago Olmo, Breaking the Monument (Images of resistance) mostra en diálogo unha selección de obras de artistas que, procedentes de contextos culturais e políticos moi diferentes, cuestionan as fórmulas monumentais tradicionais da historia da arte canónica, así como os valores sociais establecidos polas súas respectivas tradicións e polas convencións internacionais.

A exposición, que pode visitarse tamén ata o 13 de xuño, comprende traballos de Ana Laura Aláez, Manal Al Dowayan, Ghada Amer, Zoulikha Bouabdellah, Kimsooja, Claudia Peña Salinas, Marinella Senatore e María María Acha-Kutscher. A mostra complétase cun seminario en liña impartido polos comisarios os días 15, 22 de marzo e 5 de abril.

Ademais, neste 2021 está previsto que o CGAC tamén participe na edición do festival de artes performativas Plataforma cunha mostra de Pilar Albarracín (Sevilla, 1968) onde ademais de tres instalacións, se poderán ver unha serie de vídeos e proxecións que nos achegarán ao seu traballo. Coincidindo coas datas de celebración do festival Plataforma a artista levará a cabo unha performance no CGAC.

Comparte