Nova: A Xunta consultará a 60 expertos e realizará 600 enquisas para elaborar o Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2021-2027

15/02/2021

A Xunta consultará a 60 expertos e realizará 600 enquisas para elaborar o Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2021-2027

A Consellería de Cultura pon en marcha un programa de entrevistas, grupos de traballo, mesas de discusión e consultas online

O segundo plan estratéxico do Gaiás marcará a folla de ruta nunha etapa de sete anos centrada na expansión da actividade e a xeración de contidos para toda Galicia

O impulso ao sector cultural, a proxección internacional e a integración do Edificio Fontán preséntanse como algúns dos retos aos que dar resposta

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia vén de iniciar a elaboración do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, a folla de ruta que marcará a dirección do Gaiás durante o período dos próximos sete anos (2021-2027). Nas próximas semanas desenvolverase un programa de traballo no que participarán 60 expertos, especialistas nas diferentes áreas nas que opera a Cidade da Cultura (cultura, tecnoloxía, turismo, emprendemento, natureza...), e tamén coa previsión de escoitar a opinión da cidadanía a través de 600 enquisas online.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliña a importancia de levar a cabo un proceso aberto, participativo e que incorpore a expertos, de tal xeito que as conclusións respondan ao que a sociedade agarda dun complexo cultural que este pasado xaneiro cumpriu os primeiros dez anos de vida desde a súa apertura ao público e que vén de ser elixido como mellor proposta cultural de Galicia en 2020 polo Observatorio da prestixiosa Fundación Contemporánea.

Superada unha fase de consolidación, a Cidade da Cultura preséntase hoxe como un equipamento onde a diario traballan case 700 persoas, cunha media de 600 eventos e actividades culturais ao ano e polo que cada exercicio pasan máis dun millón de persoas.

Neste momento, o futuro Plan Estratéxico debuxará as liñas de acción para un tempo marcado pola expansión da actividade, no que figuran como principais retos o impulso ao sector cultural, a internacionalización, así como o papel da Cidade da Cultura como factoría de contidos culturais para toda Galicia, na liña do que se está a facer coas exposicións, producindo mostras que logo se exhiben noutros espazos da comunidade. Xunto a estes obxectivos, o plan abordará a integración do Fontán, e con el o apoio á investigación universitaria, especialmente no eido dos estudos do patrimonio.

Resultados no primeiro semestre

Nas próximas semanas, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, desenvolverase unha ampla axenda na que se levarán a cabo entrevistas, grupos de traballo, mesas de discusión e enquisas, co fin de avanzar nas propostas que nutran esta folla de ruta. O obxectivo é que se poidan presentar os resultados neste primeiro semestre do ano.

Asociacións e colectivos profesionais do sector cultural, artistas, creadores, axentes da área tecnolóxica e do emprendemento, ou institucións turísticas serán algúns dos actores cos que se contará neste proceso de diálogo e reflexión participativo.

Comparte