Nova: Conmemórase o 25º aniversario da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil

23/12/2014

Conmemórase o 25º aniversario da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil

O cuarto de século festexouse coa publicación de Choven palabras no futuro, libro no que participan escritores e ilustradores como Marilar Aleixandre, Paula Carballeira, María Solar, Xosé A. Perozo, Fina Casalderrey, Xosé Tomás e David Pintor

 

  • 'Choven palabras no futuro' é a publicación coa que se conmemora o 25 aniversario de Galix 'Choven palabras no futuro' é a publicación coa que se conmemora o 25 aniversario de Galix

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014.- A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, celebra 25 anos de andaina coa publicación do libro Choven palabras no futuro, que acaba de ver a luz co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A obra, que será distribuída pola Consellería nos centros educativos de Galicia con estudos de infantil e primaria, foi presentada esta mañá na Cidade da Cultura polo presidente de Gálix, Francisco Castro; pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou a participación no libro dos 25 autores e autoras, e dos ilustradores galegos que contribuíron cos seus traballos á realización da obra. Na súa representación participaron na rolda de prensa María Solar, Marilar Aleixandre, Paula Carballeira, Anxo Fariña, Antonio Seijas, Antonio Manuel Fraga Allegue e Xosé A. Perozo.

A LIX galega, referente internacional
“Eles forman parte –afirmou Anxo Lorenzo– do rico urdido e da trama da LIX galega, que destaca pola calidade e a profesionalidade dos seus autores e autoras, dos ilustradores, dos editores e dos dinamizadores e promotores do libro galego para os lectores máis novos”. “Nestes últimos vinte e cinco anos, a xente miúda foi medrando no pracer da lectura cos seus libros; libros dunha extraordinaria calidade e dunha edición moi coidada que foron enchendo os andeis das bibliotecas e das librerías galegas de boas historias, felizmente ilustradas, e que sitúan hoxe en día a Galicia como un referente da literatura infantil e xuvenil no ámbito internacional”, engadiu.

An Alfaya, Xoán Babarro, Concha Blanco, Marica Campo, María Canosa, Pepe Carballude, Fina Casalderrey, Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Ana María Fernández Martínez, Agustín Fernández Paz, Antonio García Teijeiro, Xosé Neira Vilas, David Otero, Antonio Reigosa, María Reimóndez, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar Janeiro completan a relación de escritores e escritoras que participan na obra, aos que se suman os ilustradores Óscar Villán, Xosé Tomás, Marifé Quesada, Xosé Cobas Manuel Uhía e David Pintor.

Gañadoras do certame Invita a Hans Christian Andersen
Na rolda de prensa tamén se lles fixo entrega dos seus premios ás gañadoras en Galicia do concurso literario Invita a Hans Christian Andersen, promovido pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (Oepli), da que forma parte Gálix. As galardoadas, que recibiron un diploma e un lote de libros, foron, Claudia Gómez Regenjo, do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo, na categoría de primeiros lectores (1º e 2º de primaria); Paula Cutrín Calvo, do CEIP Os Casais de Fene, na categoría de lectores avanzados (de 3º a 5º de primaria); e Carla Rodríguez Pérez, do IES Carlos Casares de Vigo, na categoría de superlectores (de 6º de primaria a 2º de ESO).

En referencia ao certame, o presidente de Gálix recordou que Galicia foi a comunidade que contou cunha maior representación no premio polo número de alumnos e alumnas que participaron e tamén explicou que o galego foi o idioma con maior presenza neste certame estatal, ao que tamén concorreron traballos en castelán, éuscaro e catalán.

A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando desde hai anos coa actividade de Gálix a través de iniciativas como o catálogo do libro infantil e xuvenil galego que publica anualmente en edición trilingüe galego, castelán e inglés, e que a Xunta distribúe nas bibliotecas e nas principais feiras do libro do mundo. Ademais, a Consellería tamén apoia a participación de Gálix na Oepli, sección española do IBBY, o International Board on Books for Young People.

 

Comparte