Nova: Homenaxe aos tradutores da Biblia ao galego

22/12/2014
Homenaxe aos tradutores da Biblia ao galego
O acto, impulsado pola Asociación de Tradutores Galegos, celebrouse no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
A tradución de textos clave dunha determinada cultura, coma o bíblico, considérase un feito fundamental para o desenvolvemento funcional, a elaboración e o prestixio dunha lingua
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014.- O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, acolleu este serán a homenaxe aos tradutores da primeira Biblia completa en galego a partir dos textos e idiomas orixinais de redacción.
Ao acto acudiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, quen valorou “o inxente e magnífico traballo desenvolto no seu día por un equipo de case vinte persoas que foi merecente do Premio Nacional de Tradución”. García Gómez destacou tamén a importancia da tradución en xeral e da de textos fundamentais da cultura occidental en particular para “a elaboración e o prestixio da lingua galega” e chamou a atención sobre o papel da tradución da Biblia na introdución e consolidación do galego no espazo funcional da práctica relixiosa e, máis en concreto, da liturxia.
A canda o secretario xeral, interviñeron no acto Xavier Senín, presidente da Asociación de Tradutores Galegos, e tres membros do equipo de tradutores da Biblia: os dous coordinadores, Andrés Torres Queiruga e Xosé Fernández Lago, e mais Xesús Ferro Ruibal. O acto pechouse cun concerto do Grupo de Música tradicional da Agadic.
Biblia en galego
A Biblia é, xunto cos clásicos greco-latinos, un dos textos básicos da nosa cultura, con evidente presenza en ámbitos tan variados coma a literatura, as artes, a lingua ou as festas. A súa tradución ao galego iniciouse no século XIX da man de autores como Pérez Ballesteros ou Saco y Arce, que pretendían incidir no prestixio da lingua propia de Galicia mostrando a súa idoneidade para tratar os asuntos elevados que contén o texto bíblico. Ao longo do século XX, Vidán Torreira, Precedo Lafuente, Morente Torres ou Espiña Gamallo foron ofrecendo novos resultados parciais, pero non foi ata o derradeiro terzo da centuria –tras o impulso ás linguas vernáculas na liturxia que supuxo o Concilio Vaticano II- cando se abordou a tradución íntegra.
Nos anos 80, cunha diferenza de cinco anos, saíron á luz dúas versións diferentes. A primeira é a de Avelino Gómez Ledo e Manuel Casado Nieto, que se completa en 4 volumes en 1984 da man da editorial Bibliófilos Galegos, co impulso de Filgueira Valverde e co apoio da Fundación Barrié. A segunda, feita directamente dos orixinais hebreos, arameos e gregos, é obra dun equipo de teólogos e biblistas dirixidos por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga e saíu nun volume único en 1989, da man da editorial SEPT e co apoio da Xunta de Galicia. Premio Nacional de Tradución en 1990 e esgotada a primeira edición en pouco máis de tres meses, tivo xa unha reedición revisada en 1992, continuou reimprimíndose e acabou sendo a ‘Biblia en galego’ para católicos e protestantes.
Os impulsores e os realizadores da tradución de 1989 foron sempre conscientes da importancia deste texto para a elaboración e o prestixio da lingua galega, así como para a edición dos Leccionarios da Misa e a conseguinte celebración da liturxia en galego.