Nova: José Ángel Santos Núñez gaña o VIII Certame de Investigación Condado de Pallares

19/12/2014

José Ángel Santos Núñez gaña o VIII Certame de Investigación Condado de Pallares

Recíbeo polo seu estudo sobre a evolución arquitectónica do mosteiro de Ferreira de Pallares

As secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística colaboran con esta iniciativa para favorecer a investigación en galego arredor de ámbitos como a historia, a arte, a antropoloxía, a arqueoloxía ou a lingüística
 

  • 'O mosteiro de Ferreira de Pallares. Evolución arquitectónica e estudo da súa ferreiría' é o título do traballo gañador da oitava edición do certame 'O mosteiro de Ferreira de Pallares. Evolución arquitectónica e estudo da súa ferreiría' é o título do traballo gañador da oitava edición do certame

Chantada, 19 de decembro de 2014.- José Ángel Santos Núñez recibiu esta tarde en Chantada o premio do VIII Certame de Investigación Condado de Pallares, promovido pola Asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.

‘O mosteiro de Ferreira de Pallares. Evolución arquitectónica e estudo da súa ferreiría’ é o título do traballo gañador da oitava edición do certame, que ten como obxectivo fomentar a investigación en galego arredor de ámbitos como a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, o folclore ou a lingüística nos concellosGuntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, ámbito territorial do antigo Condado de Pallares.

Valiosas investigacións
No transcurso do acto, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fixo referencia aos “valiosos traballos” que se recoñeceron ao longo das oito edición do certame e que reflicten a relevancia e a calidade das investigacións que se están a levar a cabo en Galicia no ámbito das humanidades.

O xurado, integrado por Carlos Baliñas Pérez, Gonzalo Francisco Fernández Suárez e Fernando Arribas Arias, sendo secretario Xosé Luís Vázquez Somoza, deu a coñecer o pasado 22 de novembro o traballo gañador, do que destacou que “aporta unha perspectiva diferente sobre a historia do mosteiro de Ferreira de Pallares, especialmente a súa evolución arquitectónica complementada por un abundante e traballado corpus gráfico”. Tamén valorou positivamente o estudo que o autor fai da ferrería que lle dá nome á parroquia.

Co seu apoio ao certame –no que tamén colaboran os concellos de Guntín e Taboada, ABANCA e a Deputación de Lugo– a Consellería busca favorecer os labores de investigación asociados aos ámbitos da lingüística, da historia, da arqueoloxía, da antropoloxía, da etnografía, da arte e do folclore no antigo territorio do Condado de Pallares, e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo.
 

Comparte