Nova: A Xunta premia unha intervención artística efémera que converte nun faro xacobeo as Torres Hejduk do Gaiás

27/10/2020

A Xunta premia unha intervención artística efémera que converte nun faro xacobeo as Torres Hejduk do Gaiás

O proxecto ‘En terra firme’, presentado pola fotógrafa Ana Núñez e o artista sonoro Sebastián Sandoval, gaña o VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, enmarcado na programación do Xacobeo 2021

O certame, que ten como eixe os camiños xacobeos e profunda na relación entre o Camiño e a Cidade da Cultura, conta co apoio da Fundación Banco Sabadell

A instalación, que está previsto inaugurar en agosto de 2021, busca ser alegoría do Camiño como travesía persoal e combina unha vídeo instalación sonora coa construción da lente dun faro nas torres do Gaiás

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de premiar un proxecto que, a modo de instalación artística efémera, converterá nun faro as icónicas Torres Hejduk da Cidade da Cultura. Nunha alegoría da travesía persoal que os peregrinos afrontan no seu camiño a Compostela, esta proposta creativa fai tamén unha chiscadela ao Camiño marítimo.

Baixo o título 'En terra firme', o proxecto foi presentado polos creadores Ana Núñez Rodríguez e Sebastián Sandoval Quimbayo, e seleccionado como vencedor no VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN) 2020. O certame enmárcase un ano máis na programación do Xacobeo 2021 –tendo como eixe a Ruta Xacobea e profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. A proposta artística inaugurarase en agosto de 2021, coincidindo cunha nova edición do EAN.

En terra firme configúrase a partir da transcendencia da luz do faro e do seu significado para os navegantes, propoñendo un exercicio estético que descifra a influencia da travesía así como o seu destino final. Presenta dous escenarios que conflúen no faro, creando unha alegoría das adversidades da peregrinación desde a paisaxe marítima, e da conexión entre o destino da persoa camiñante e navegante. Aproveitando as propiedades arquitectónicas das Torres Hejduk, os artistas construirán unha gran lente na torre de cristal, converténdoa nun sinal luminoso no medio dun “mar de vexetación e pedra”, que guíe os viaxeiros desde o cumio do Gaiás, e en punto de referencia á súa chegada a Santiago. A torre de pedra aprópiase da paisaxe que circunda este foco e proxecta no seu interior unha vídeo instalación acompañada dun son de frecuencias baixas, que mergullan o espectador nunha travesía marítima no medio da brétema, que alude a esta viaxe transpersoal.

Conexión co camiño marítimo

A proposta foi elixida como vencedora entre as dez recibidas ao concurso –tres delas colectivas–. O xurado valorou tanto a súa conexión conceptual co Camiño marítimo como a solidez do proxecto e das diferentes traxectorias artísticas dos seus autores, que aportan dous puntos de vista complementarios ao relato expositivo. Especializados respectivamente en fotografía e en arte sonora, Ana Núñez e Sebastián Sandoval teñen desenvolvido proxectos en Bélxica, Arxentina, Xapón, Canadá ou Portugal, abordando cuestións como o territorio ou a construción da identidade. O seu traballo propón un diálogo entre a percepción sonora e a visual, colocando o visitante e a súa viaxe persoal no centro da intervención.

Inauguración no verán do Xacobeo

Está previsto que a intervención poida inaugurarase, como é costume, o derradeiro día do vindeiro Encontro de Artistas Novos (EAN), que se celebrará en agosto de 2021, ano xacobeo. Pero antes disto, ao longo deste mes de novembro, abrirase ao público a intervención galardoada na pasada edición do concurso –que tivo que ser adiada polas repercusións da covid-19–. Este proxecto converte as Hejduk nun banco sonoro e visual de experiencias do Camiño de Santiago grazas ao traballo de Felipe Romero Beltrán e Marius Ionut Scarlat, que se propuxeron sumar ás pegadas que o Camiño deixa nas persoas que o experimentan, un depósito de rostros e vivencias construído a través de entrevistas realizadas no Obradoiro, que se proxectarán nas Torres do Gaiás.

Biografías

Ana Núñez Rodríguez (Lugo, 1984) e enxeñeira Química Industrial pola Universidade Autónoma de Madrid, con estudos en Fotografía Documental e Creación Contemporánea en IDEP Barcelona e posgrao en Fotografía da Universidad Nacional de Colombia. Máster en Fotografía e Sociedade na Academia Real de Belas Artes da Haia (KABK), Holanda, onde foi galardoada como mellor tese polo seu traballo Cociñando Historias de Patacas. Os seus traballos expuxéronse en Bélxica, Colombia, Xapón, Portugal e España. Foi seleccionada para Descubrimentos PhotoEspaña 2017 e premiada no Portfolio Review na Bienal Fotográfica Bogotá 2017. Foi tamén seleccionada para o programa Lighthouse 2020 -21 de talentos mozos en Fotodok, Utrech (Holanda).

Sebastián Sandoval Quimbayo estudou Artes Plásticas e Visuais na Universidad Distrital de Colombia, Facultade de Artes ASAB-Bogotá, especializándose en arte sonoro, fotografía, pintura e vídeo. Realizou un mestrado en Arte Sonoro da Universidade de Barcelona e estudos en Sonoloxía no Conservatorio Real da Haia, Holanda. En Colombia o seu traballo foi exposto en diferentes galerías e espazos culturais como o Museo de Arte Contemporáneo de Bogotá, ArtBo, Artecámara, entre outros. Participou en residencias e exhibicións na Arxentina, Canadá, España, Xapón e México. Traballou durante máis de tres anos no departamento de educación do Museo de Arte Moderno de Bogotá e participou en diferentes equipos de traballo en eventos culturais como ARCO Madrid, ArtBo e la Otra.

Comparte