Nova: A Xunta de Galicia, presente na xornada divulgativa da restauración do mural da igrexa de San Vicente de Pinol (Sober)

18/08/2020

A Xunta de Galicia, presente na xornada divulgativa da restauración do mural da igrexa de San Vicente de Pinol (Sober)

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, participou neste encontro no que se puxo de manifesto as actuacións realizadas pola Consellería de Cultura e Turismo por un importe de preto de 110.000 euros

Sober (Lugo), 18 de agosto de 2020.- A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, participou hoxe na xornada divulgativa sobre a restauración do conxunto mural da Igrexa de San Vicente de Pinol en Sober (Lugo), financiada pola Xunta de Galicia a través de fondos FEDER por un importe de preto de 110.000 euros. A propia igrexa está considerada como Ben de Interese Cultural e o mural está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

O obxectivo fundamental da intervención foi eliminar ou minimizar os factores de alteración actuais e previr a aparición doutros novos. A actuación documentou e valorou o estado real de conservación do monumento ao principio da intervención e propuxo intervencións conservadoras, dado que as pinturas murais forman parte da arquitectura que as alberga polo que calquera intervención debe ter en conta a forma en que se integran na contorna arquitectónica e o espazo.

Máis polo miúdo, nun primeiro momento, analizáronse as necesidades de limpeza e o tipo de lixo que se atoparía durante a intervención. Posteriormente procedeuse á aplicación de biocida e á suxeición de bordos e inxección de morteiro nos desprendementos. Así mesmo elimináronse os encalados e os elementos alleos ao orixinal ao tempo que se consolidaban os estratos pictóricos, un traballo no que se aplicou papel xaponés. Procedeuse tamén á limpeza da policromía, á extracción de sales solubles e á reposición de morteiros. No tocante á reintegración cromática, esta ten por finalidade última dotar ao conxunto dunha correcta lectura creando unha unidade que poña en valor os restos de policromía que se conservaron sen desvirtuar o ciclo pictórico. Para iso empregráronse técnicas de integración que se diferenzan claramente do orixinal con materiais reversibles que respectaron estritamente o orixinal.

Tal e como destacou a directora xeral durante o transcurso da xornada, estes traballos complementáronse cun estudo exhaustivo para a caracterización dos materiais, as técnicas e os efectos e axentes de deterioro para a súa corrección.

Comparte