Nova: O Gaiás relanza a súa programación do segundo semestre cunha oferta centrada nos artistas e empresas culturais de Galicia

06/06/2020

O Gaiás relanza a súa programación do segundo semestre cunha oferta centrada nos artistas e empresas culturais de Galicia

A Cidade da Cultura avanza seis novas exposicións e intervencións artísticas, entre as que destacan as dedicadas á Xeración Nós e a Isaac Díaz Pardo

O Día da Música, 21 de xuño, é a data sinalada para recuperar os concertos con público presencial, con tres actuacións retransmitidas tamén en liña

Artistas e bandas galegas encherán de ritmos a praza central no ciclo ‘Atardeceres no Gaiás’, que arrincará en xullo

Escolas de maxia e cursos de cociña, entre outras actividades, completarán a oferta de verán dirixida a público familiar

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia vén de reorientar a oferta de actividades da Cidade da Cultura para este segundo semestre co obxectivo de facer da súa programación unha oportunidade para a recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da covid-19. Creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector.

Con especial atención aos protocolos sanitarios, a programación manterá a súa aposta polas actividades con público presencial, seguindo en todo momento as indicacións para garantir un entorno seguro. Do mesmo xeito, integraranse as tecnoloxías dixitais de xeito regular, con formatos anovadores que permitirán superar as restricións de aforo.

Neste escenario de cambios e ante a necesidade de análise sobre os retos na era post covid-19, a Cidade da Cultura puxo en marcha ciclos como o #Culturalike, centrado no papel das redes sociais na divulgación, ou os Foros #aculturasegue, onde se están a intercambiar ideas entre institucións e nomes de referencia, e que xa ten contado coa participación do Museo Reina Sofía, as compañías de teatro La Fura dels Baus, Voadora ou as editoriais Turner e Rinoceronte.

A situación de incerteza levou tamén a abrir no Gaiás, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, o Servizo de Asesoramento Cultural, un espazo no que técnicos especializados están a orientar de balde a profesionais e empresas do sector ante as numerosas normativas, axudas e convocatorias lanzadas desde as diferentes administracións.

Seis novas exposicións e intervencións artísticas

O Museo Gaiás, mergullado neste momento na devolución das obras de Galicia, un relato no mundo, veuse obrigado a reprogramar o seu calendario expositivo. Deste xeito, Galicia, de Nós a nós, a segunda das grandes exposición internacionais organizada pola Xunta no marco do Xacobeo 2021, terá lugar en outubro e estará comisariada polos profesores Afonso Vázquez Monxardín e Ana Acuña.

A seguinte gran cita expositiva será As miradas de Isaac, a mostra máis ambiciosa realizada ata agora sobre a figura de Díaz Pardo, precisamente cando se conmemoran os cen anos do seu nacemento, un proxecto comisariado polos seus fillos Camilo e Xosé Díaz. Precisamente, no mes de agosto, coincidindo coa data do seu nacemento, a Xunta presentará un amplo repositorio dixital de información especialmente interesante para todos os investigadores e interesados en achegarse á biografía e á polifacética obra dun dos galegos máis apreciados.

Reivindicación do monte

A curto prazo, a actividade expositiva ponse en marcha cunha intervención nas Hejduk que se presentará o 26 de xuño. Co título Paisaxes incultas. Metamorfose do monte galego, a arquitecta compostelá Cristina García Fontán propón unha reivindicación do monte galego, un traballo que conta co patrocinio de Viaqua.

Tamén en xuño, presentarase o Banco do Peregrino, unha instalación realizada a partir da obra Constelacións II da artista Clara Montoya, situada na cima do Bosque de Galicia, nunha localización cunha ampla vista sobre a Santiago.

As Hejduk serán escenario de novo en novembro dun proxecto arredor do Camiño desenvolvido polo Colectivo Cantz, integrado por Marius Ionut e Felipe Romero, gañadores do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk que se lanza cada ano durante a celebración do Encontro de Artistas Novos.



Tamén a curto prazo, a finais de xullo, o Museo abrirá a exposición Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, unha mostra dirixida aos amantes da gran pantalla e organizada pola Cinématèque française e a Fundación "la Caixa" en colaboración coa Xunta e no marco do Xacobeo 2021.

No eido artístico vén de lanzarse a décima convocatoria do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, que oferta corenta prazas dirixidas a creadores emerxentes galegos que buscan a súa oportunidade de mostrar os seus traballos e de entrar en contacto con nomes xa consolidados da creación contemporánea.

Volve a música en directo

O domingo 21 de xuño, coa simbólica conmemoración do Día da Música, é a data escollida para a recuperación dos concertos con público presencial. O Museo abrirá as súas portas para presentar tres artistas e bandas galegas de diferentes estilos, que subirán ao escenario ao longo de toda a xornada, e cuxos nomes se darán a coñecer nos vindeiros días. As actuacións poderán seguirse no propio Museo –cunha capacidade limitada acorde a normativa sanitaria- ou ben a través da canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Continuando co obxectivo de reactivar a actividade musical, volverá en xullo Atardecer no Gaiás, con especial protagonismo nesta edición dos artistas galegos e mantendo o formato de actuación na praza exterior. Ao longo do ano manteranse tamén citas xa consolidadas e vinculadas a música popular e tradicional, como Magostos no Gaiás.

En colaboración coa AGADIC e coa TVG, os exteriores da Cidade da Cultura converteranse tamén no escenario no mes de setembro dun novo ciclo con cincuenta concertos gravados no Museo Centro Gaiás, proxecto que leva por nome Galicia Emerxe.

O Gaiás continuará coa súa segunda edición do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, dirixido por Javier Peña, e lanzará tamén un novo proxecto centrado na escritura creativa.

Maxia e cociña para a cativada

As actividades en familia sitúanse no corazón da programación para o segundo semestre. Aos proxectos como Aventura no monte das artes ou o Club das Lerchiñas, no que contacontos galegas atopaban unha fiestra para amosar o seu talento, agora sumarase Cociñeiras Ilustradas, actividade na que gastronomía e ilustración van da man para estimular na cativada o gusto polos fogóns. Nos vindeiros días concretarase tamén un proxecto co prestixioso mago Pedro Volta que creará a súa propia escola de maxia na Cidade da Cultura.

Por último, reactivase a oferta de visitas comentadas, tanto ao propio complexo como ás diferentes exposicións, sempre atendendo as indicacións sanitarias. Os horarios e información poderán consultarse en cidadedacultura.gal.

No verán e outono cobrarán especial importancia os espazos verdes da Cidade da Cultura. O Bosque de Galicia, o Parque do Lago, o Xardín Literario ou o Xardín do Teatro acollerán novas andainas comentadas, coas que explorar as máis de corenta hectáreas verdes do monte Gaiás.

Comparte