Nova: Rodaxe de Hotel Almirante, adaptación para televisión da novela de Marta Rivera de la Cruz

20/11/2014

Rodaxe de Hotel Almirante, adaptación para televisión da novela de Marta Rivera de la Cruz

Formato Producciones adapta como película para televisión a novela homónima da escritora lucense Marta Rivera de la Cruz

O proxecto obtivo parte do seu financiamento a través da convocatoria de subvencións de 2012 para a produción ou coprodución de longametraxes cinematográficas en lingua galega

Antonio Cuadri é o director e autor do guión da fita, que conta coa interpretación, entre outros, dos galegos Mariana Expósito e Antonio Mourelos
 

  • Hotel Almirante Hotel Almirante

Lugo, 20 de novembro de 2014.- O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, visitou hoxe na capital lucense a rodaxe da película Hotel Almirante, producida pola compañía galega Formato Producciones e subvencionada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O filme, que adapta nunha miniserie televisiva de dous capítulos de 90 minutos a novela homónima da escritora Marta Rivera de la Cruz, obtivo para o seu financiamento un total de 245.925 euros a través da convocatoria de axudas de 2012 destinadas ás producións audiovisuais en lingua galega.

Hotel Almirante, que tamén conta coa participación de Televisión de Galicia, estase a gravar en distintas localizacións das cidades de Lugo e A Coruña desde o pasado 27 de outubro. A xornada de rodaxe de hoxe, desenvolvida en concreto na Praza Maior e no interior do edificio do Círculo das Artes de Lugo, foi seguida por Raquel Arias e por Jacobo Sutil como representantes das institucións que lle prestan apoio ao filme. Alí puideron intercambiar impresións cos membros do equipo artístico e técnico da película, entre os que se atopan o produtor Andrés Barbé, o director e guionista Antonio Cuadri ou os actores galegos Mariana Expósito e Antonio Mourelos.

Ambientada nos anos 50, Hotel Almirante conta a historia de Cristina Sanjuán, unha moza madrileña que escolle unha habitación do Hotel Almirante de Ribanova para rematar coa súa vida. Nunca antes estivera na cidade e ninguén a coñecía, pero Cristina tiña un motivo para querer que o escenario da súa morte fora precisamente aquel cuarto. A partir de aí, reconstrúese un apaixonante relato de amor, ao tempo que se desenvolve a crónica da vida do propio hotel, desde a súa fundación na segunda década do século XX ata os anos da posguerra.
 

Comparte