Nova: Un ascensor na muralla de Lugo garantirá a accesibilidade a este monumento

14/11/2014

Un ascensor na muralla de Lugo garantirá a accesibilidade a este monumento

Está todo preparado para que comecen as obras unha vez que o concello conceda a preceptiva licenza municipal e estímase que o ascensor estará listo antes do verán

Acometeranse obras de consolidación no cuartel de San Fernando

  • Muralla de Lugo Muralla de Lugo
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o alcalde de Lugo asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta a disposición, por parte do Concello, dos terreos necesarios para dotar á Muralla romana dun ascensor O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o alcalde de Lugo asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta a disposición, por parte do Concello, dos terreos necesarios para dotar á Muralla romana dun ascensor

Santiago, 14 de novembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta a disposición, por parte do Concello, dos terreos necesarios para dotar á muralla romana dun ascensor. Nesta obra a Consellería investirá uns 127.000 euros, polo que a contía total destinada polo departamento de Cultura da Xunta a este monumento Patrimonio da Humanidade ascende a máis de 2,7 millóns de euros nos últimos cinco anos. Na xuntanza tamén estiveron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e tenente de alcalde e concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre.

Vázquez Abad amosou a súa satisfacción por este acordo xa que, segundo dixo, “trátase dun paso decisivo para dotar a este monumento histórico da accesibilidade necesaria e que todo o mundo poida contemplar. Unha accesibilidade –subliñou– que xa ten mellorado en boa medida coa nova rampla que construímos no contorno da Casa Torre”. Coa posta en marcha do ascensor, subliñou o conselleiro, “estamos atendendo unha vella demanda dos colectivos sociais lucense, unha decisión cuxos beneficios se estenden ao conxunto da sociedade”.

O conselleiro salientou tamén que todo o proxecto construtivo e de execución da obra “pasan ineludiblemente pola salvagarda dos valores culturais da Muralla e os do Conxunto Histórico do Recinto Amurallado”. De feito, o volume prismático no cal se instalará o ascensor en ningún caso afectará aos lenzos da muralla, posto que será plenamente autónomo do monumento e estará separada e comunicada co adarve mediante unha pasarela de acceso. É dicir, que a solución final é “totalmente harmónica e non minora ningún dos valores culturais que posúe este monumento Patrimonio da Humanidade”

A día de hoxe, por parte da Consellería están todos os trámites listos e preparados para que comece a obra unha vez que o Concello conceda a preceptiva licenza. O proxecto do ascensor conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, xa está nomeado o arqueólogo encargado do control arqueolóxico así como o coordinador de seguridade e saúde. Segundo explicou Xesús Vázquez Abad, está previsto que o ascensor estea funcionando antes do verán.

O artefacto estará ubicado ao final do Carril dos Romanos, xunto aos xardíns da Deputación, e terá unha capacidade mínima para 10 persoas e unhas dimensións máximas aproximadas de 240x240 centímetros, incluíndo todos os elementos estruturais. A sinalización será visual, táctil (sistema braille) e sonora.

Para a súa colocación está previsto construír un volume prismático a carón da muralla polo seu interior, no cal se instalará o ascensor que dará acceso ao adarve da muralla mediante unha pasarela.

Cuartel de San Fernando
Así mesmo, o conselleiro anunciou que proximamente se asinará outro convenio de colaboración co Concello para acometer obras de consolidación no Cuartel de San Fernando. Segundo explicou Xesús Vázquez Abad, trátase dunha obra que lle corresponderá executar ao propio Concello. O investimento desta actuación ascende a 180.000 euros, dos cales a metade (90.000 euros) serán financiados pola Consellería de Cultura e Educación.

Investimentos e actuacións rematadas
O investimento total da Consellería de Cultura e Educación na muralla de Lugo ascende a máis de 2,7 millóns de euros desde 2009. Tan só ao plan de mantemento deste monumento BIC para o período 2011-2014 é de máis de 971.000 euros. Nestes momentos estase tramitando a licitación para a restauración do adarve e lenzos no ámbito da Porta Miñá, traballos que contan cun orzamento duns 264.000 euros e que incluén a substitución do pavimento dos cubos XXI e XXII, a limpeza e acondicionamento de parámetros na porta Miñá, consolidación da súa torre dereita e a recuperación do arco superior e do forxado de madeira do mesmo.

A maiores da execución anual do Plan de Mantemento, o departamento de Cultura da Xunta ten realizado diversas melloras nesta cerca romana, como son os traballos para a conservación e restauración dos xacementos arqueolóxicos do Vicerreitorado de Lugo e para a súa musealización coa creación da Domus do Mitreo, ou os diferentes traballos de limpeza e retirada de vexetación previos á posta en marcha no 2011 no Plan de Mantemento.

No referente ás actuacións realizadas sobre os cubos da muralla, a Consellería ten acometido traballos de impermeabilización na escaleira do cubo LXXVII, grazas ás que se puido descubrir unha inscrición romana da época da construción deste monumento case bimilenerio; así como a consolidación estrutural e restauración do lenzo interior do cubo XXXVIII; melloras nas escaleiras dos cubos XXVII e XXVIII; restauración do cubo XIII; e a construción dunha nova rampla no contorno da Casa Torre coa que xa se mellorou en boa medida a accesibilidade a este ben histórico.

Ademais, a Consellería colocou unha nova rede de luminarias no adarve da muralla, unha iluminación que basea o seu deseño nos principios básicos de compatibilidade cos valores culturais do monumento e as súas características formais e construtivas, aproveitamento máximo dos elementos e instalacións previas, redución do custe de implantación, funcionamento e mantemento, lonxevidade, dispoñibilidade no mercado de materiais e repostos, e sinxeleza construtiva e formal.

Comparte