Nova: Actividades na Biblioteca Nodal de Vigo para achegarlles a ciencia mariña aos máis novos
14/11/2014
Actividades na Biblioteca Nodal de Vigo para achegarlles a ciencia mariña aos máis novos
Co gallo da celebración do Mes da Ciencia en Galego, realizáronse proxeccións audiovisuais e obradoiros científicos para nenos e nenas
Vigo, 14 de novembro de 2014.- Os máis novos foron os protagonistas das actividades de divulgación científica que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programou esta tarde na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo para celebrar o Mes da Ciencia en Galego.
Co gallo desta conmemoración, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou esta tarde a biblioteca, onde se realizaron diversas iniciativas para lles achegar aos nenos e nenas de entre 2 e 6 anos os océanos e a ciencia mariña. Acompañado pola directora do centro, Inmaculada Serrano, Anxo Lorenzo asistiu á proxección dos audiovisuais ‘Kaleid@Labs’, sobre os polbos e os cabaliños de mar, e tamén visitou a exposición sobre inventos científicos que se pode ver na sala infantil ata o 29 de novembro.
Obradoiros científicos
A tarde de ciencia, desenvolvida coa colaboración do Instituto de Investigacións Mariñas IIM-CSIC de Vigo e a Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, completouse cos obradoiros científicos ‘A maxia das lupas binoculares’ e ‘Toca, toca!’. A continuación, os nenos e nenas tiveron ocasión de participar na creación dun mural mariño.
Durante todo o mes de novembro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove unha completa programación de actividades de divulgación científica en galego para convidar a cidadanía a festexar o Mes da Ciencia en Galego. Con motivo desta celebración, a Consellería tamén promoveu o texto que o científico Ángel Carracedo creou para a ocasión, dispoñible na rede a través de cultura.gal e tamén nas bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia.
Propostas para ler e vivir a ciencia en galego
As bibliotecas públicas das cidades galegas e as bibliotecas escolares das catro provincias son os principais escenarios desta celebración, que inclúe durante todo o mes exposicións, conferencias, obradoiros, ciclos de cine, mostras bibliográficas, coloquios, guías de lectura, espectáculos de maxia e teatro, concursos e sesións de xogos.