Nova: O catálogo 'Shorts from Galicia' comeza a súa difusión no Festival de Clermont-Ferand

02/02/2020

O catálogo 'Shorts from Galicia' comeza a súa difusión no Festival de Clermont-Ferand

A Xunta inicia no Festival de Clermont-Ferand a difusión do novo catálogo 'Shorts from Galicia' cunha escolma de seis curtas

Atópase entre elas a fita ’16 de decembro’, coa que Álvaro Gago volve competir no prestixioso festival internacional de curtametraxes, que se desenvolve ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa

Tamén se promoven ‘Brotar’, de Montse Piñeiro e Rubén Abad; ‘Homomaquia’, de David Fidalgo; ‘Irmandade’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; ‘Todo el mundo se parece de lejos’, de Rafa de los Arcos, e ‘Unidade veciñal’, de Tono Mejuto

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2020.- O Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve desde hoxe e ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión da nova edición do catálogo Shorts from Galicia que, como cada ano, edita a Xunta co obxectivo de promover a recente produción galega neste formato audiovisual. Os seis títulos que lle dan forma á súa escolma de 2020 son 16 de decembro, de Álvaro Gago; Irmandade, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos; Unidade veciñal, de Tono Mejuto e os traballos de animación Brotar, de Montse Piñeiro e Rubén Abad, Homomaquia, de David Fidalgo Omil.

Coa primeira delas, 16 de decembro, o realizador vigués Álvaro Gago regresa á competición internacional deste do prestixioso encontro francés, a principal cita mundial para os profesionais que se dedican á produción, difusión e distribución de curtametraxes, onde en 2018 xa presentara a súa premiada Matria. Así mesmo, esta produción galega tamén se exhibirá o vindeiro luns 3 no pase organizado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) dentro do mercado que se desenvolve en paralelo ao festival e no que se proxectarán diante dos axentes acreditados as seis curtas españolas que competirán este ano nas diferentes seccións a concurso, así como o vídeo promocional de Shorts from Galicia, entre outros.

Bo momento creativo

As seis curtametraxes que forman parte tanto do catálogo como deste vídeo foron elixidas por un grupo de traballo especializado tras unha convocatoria á que se presentaron preto de 50 traballos de realizadores galegos. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual.

Ademais, tanto16 de decembro como Homomaquia e Unidade veciñal contaron para a súa realización co apoio económico da Consellería de Cultura e Turismo mediante o programa de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ao sector do cinema e da televisión, as dúas primeiras na convocatoria para producións e coproducións e a terceira na de promoción do talento audiovisual galego.

O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos encontros profesionais nos que o cinema galego conta con representación este ano no marco do programa de internacionalización da Xunta. Como en anos anteriores, a seguinte cita deste calendario será o European Film Market da Berlinale, que se celebrará a partir do 20 de febreiro cunha destacada participación empresarial galega e a estrea mundial do novo filme de Lois Patiño, Lúa vermella, dentro da sección Fórum.

Comparte