Nova: A Cidade da Cultura: territorio de actividade de referencia para os galegos

13/12/2019

A Cidade da Cultura: territorio de actividade de referencia para os galegos

O director xeral de Políticas Culturais anunciou a elaboración do segundo Plan estratéxico desta infraestrutura para o 2020, que definirá os retos da terceira década do século

Tamén avanzou a redacción o vindeiro ano dun informe, pioneiro en Galicia, sobre a contabilidade social do Gaiás

  • Cidade da Cultura maqueta Cidade da Cultura maqueta

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, fixo balance no Parlamento de Galicia da evolución da Cidade da Cultura desde o comezo da súa actividade en 2011, “unha infraestrutura que naceu para se converter nun elemento tractor das industrias culturais e nun territorio de actividade cultural e de lecer para o conxunto de Galicia”, afirmou.

O director xeral destacou diversos fitos ao longo desta década, como a inauguración do edificio da actual Biblioteca e Arquivo de Galicia, que deu lugar a que diferentes colectivos de persoas desenvolvan aquí a súa actividade, pasando de 50 traballadores no 2011 a 700 na actualidade.

Así mesmo, Anxo M. Lorenzo adiantou a elaboración no vindeiro ano dun informe, pioneiro en Galicia, sobre a contabilidade social da Cidade da Cultura co obxectivo de poder cuantificar o valor social que aporta o Gaiás máis aló dos parámetros puramente económicos.

Por outra banda, o representante da Xunta, lembrou que no ano 2012 aprobouse o primeiro Plan estratéxico do Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia 2012-2018, a folla de ruta para a implantación dun modelo de xestión planificado, transparente e sustentable artellado arredor de catro liñas estratéxicas. Neste sentido, anunciou a elaboración do segundo Plan estratéxico para o 2020, que definirá os retos da Cidade da Cultura como proxecto cultural, tecnolóxico, natural e emprendedor na terceira década do século coa cidadanía, a cultura galega e as industrias culturais como base fundamental.

Anxo M. Lorenzo fixo tamén balance da actividade do Centro de Emprendemento que, desde a súa apertura en 2012, apoiou 250 proxectos innovadores impulsados por 600 emprendedores que se beneficiaron dos recursos que ofrecen estas instalacións para medrar no ámbito empresarial.

Esta década tamén foi testemuña da humanización do contorno do Monte Gaiás co Bosque de Galicia, un proxecto natural con espazos verdes e de lecer que se foron consolidando ao longo dos últimos anos e que está conformado polo propio bosque, o Xardín Literario, o parque do lago ou o Xardín do Teatro. Outros dos avances acadados nestes últimos anos, foron a conexión viaria coa autopista AP-9 que multiplica a proxección da Cidade da Cultura como patrimonio de todos os galegos, así como a construción do Edificio Fontán.

Comparte