Nova: Miguel Sande recibe o XVII Premio de Poesía Afundación

27/11/2019

Miguel Sande recibe o XVII Premio de Poesía Afundación

Anxo M. Lorenzo fai entrega do XVII Premio de Poesía Afundación ao escritor e xornalista Miguel Sande

Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia promoven este certame para alentar a creación poética e enriquecer a produción literaria en galego

  • Miguel Sande recibe o XVII Premio de Poesía Afundación Miguel Sande recibe o XVII Premio de Poesía Afundación

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, fixo hoxe entrega do XVII Premio de Poesía Afundación a Miguel Sande pola súa obra Os filósofos xa non brindan con cicuta. O galardón está promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia co obxectivo de alentar a creación poética e enriquecer a produción literaria en galego.

A obra gañadora, como estimou o xurado, está escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, pero tamén transgresora nas imaxes. O xurado destacou a súa expresión poética así como a impecable escritura e o depurado rexistro lingüístico.

Este galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias Centro PEN Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior convocatoria.

Anxo M. Lorenzo felicitou ao premiado por sumarse a esta prestixiosa lista de escritores e desexoulle “máis éxitos no futuro, porque isto sempre será unha boa nova para a literatura e a cultura galegas”.

O certame conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, o Goberno autonómico contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio de Relato Breve Nélida Piñón ou o Premio de Poesía Concello de Carral, entre outros.

Miguel Sande

Nado en Arteixo no 1961, actualmente reside en Viveiro onde exerce como delegado de La Voz de Galicia na Mariña. Poeta, dramaturgo, novelista e xornalista, foi finalista do Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca en 1984 co seu primeiro libro Á alba pide comigo vivir. En 1998 publica o seu segundo libro de teatro, Ninguén chorou por nós, premiado co Rafael Dieste, e tamén gañou o premio Nova Dramaturxua Galega coa obra A enterradora. Como poeta publicou, entre outros, A palabra soterrada ou Furtivos.

Coa súa novela Se algún día esta muller morta, gaña en 2006 o I Premio Narrativa Breve Repsol e en 2016 consegue o Premio García Barros pola novela A candidata.

Comparte