Nova: A Biblioteca de Galicia pon en valor a encadernación e o coleccionismo coa inauguración de ‘Primores do múltiplo’

25/11/2019

A Biblioteca de Galicia pon en valor a encadernación e o coleccionismo coa inauguración de ‘Primores do múltiplo’

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na apertura desta mostra onde destacou o extraordinario valor das pezas expostas

Nesta exposición a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela

Está comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló e poderase visitar, de xeito gratuíto, ata o vindeiro mes de xuño

 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia á inauguración de Primores do Múltiplo, unha mostra organizada pola Xunta e comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo.

O director xeral de Políticas Culturais destacou “o extraordinario valor das pezas expostas nesta mostra” que propón ao visitante unha aproximación á técnica da encadernación, tanto desde o punto de vista do coleccionismo como desde a perspectiva editorial, que escollía determinados estilos de encadernación como forma de identificar as súas coleccións.

Así, co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.

A mostra, que se poderá visitar de xeito gratuíto na Cidade da Cultura ate o vindeiro mes de xuño, está estruturada en cinco fíos argumentais. O primeiro deles céntrase na andamiaxe da encadernación, mentres que o segundo está dedicado á encadernación heráldica e o terceiro á encadernación industrial. Os dous últimos bloques correspóndense coa figura do artista no mundo da encadernación e a editorial contemporánea e coa relación entre os artistas e os encadernadores.

 

Comparte