Nova: O fotógrafo Jesús Madriñán explora os rostros dos peregrinos actuais na nova exposición do CGAC

22/11/2019

O fotógrafo Jesús Madriñán explora os rostros dos peregrinos actuais na nova exposición do CGAC

A mostra ‘I am light’, que foi presentada hoxe en rolda de prensa e se poderá visitar ate o mes de marzo, forma parte da programación da Xunta polo Xacobeo 21

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez asistirá á inauguración que terá lugar esta tarde

O Goberno autonómico está a traballar co obxectivo de que esta exposición poida ser itinerante e viaxar a diferentes localidades fóra de Galicia

  • Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC
  • Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez
  • Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez
  • Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez
  • Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez
  • Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez Inauguración 'I am Light' de Jesús Madriñán no CGAC. Foto: Manu Suárez

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019.- A mostra I am light do fotógrafo compostelano Jesús Madriñán foi presentada hoxe nunha rolda de prensa no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) na que participaron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira. Trátase dunha exposición integrada na programación da Xunta de Galicia polo Xacobeo 21, que permite explorar os rostros dos peregrinos actuais grazas as imaxes de Madriñán.

A mostra, que leva por título I am light ‒unha frase extraída dunha carta atopada entre tantas outras mensaxes que os peregrinos deixan en cruceiros e lugares sinalados do Camiño, coa intención de subliñar o carácter poliédrico e luminoso da experiencia‒, reúne 23 retratos de peregrinos, que aparecen de maneira individual, en parellas ou en grupos de tres. A secuencia de retratos vai sendo punteada por pequenas fotografías das mensaxes escritas polos peregrinos en tarxetas, cartas e pedras, que narran un itinerario paralelo para os desexos, os anhelos e a procura persoal.

Durante a presentación, os representantes da Xunta de Galicia lembraron a vinculación desta institución museística co Camiño de Santiago, xa que foi creada no ano 1993, coincidindo cun Ano Santo que supuxo “un punto de inflexión e o inicio dun proceso de modernización e desenvolvemento para toda Galicia”. Neste contexto de unión, e co obxectivo de que a celebración do Xacobeo 21 estea presente no conxunto do Estado, o Goberno autonómico está a traballar para que esta exposición de Jesús Madriñán poida viaxar fóra da nosa Comunidade.

Tras a presentación en rolda de prensa, está previsto que esta tarde se celebre a inauguración á que asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e na que estará acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo, e polo propio artista. Os asistentes a esta cita, que terá lugar ás 20,00 horas, poderán gozar dunha visita guiada á exposición na compañía do fotógrafo Jesús Madriñán.

Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, 1984)

O autor das imaxes que se poderán contemplar no Centro Galego de Arte Contemporánea ata o vindeiro martes 3 de marzo é un dos fotógrafos galegos novos con meirande proxección exterior. O seu traballo afástase do documentalismo e evita incidir no costumismo, nas tendencias e nas aparencias que se inscriben na moda, aínda que se serve delas por pertencer e inscribirse na paisaxe xeracional.

Con respecto ás anteriores series de Jesús Madriñán (Good Night London, Boas Noites e Dopo Roma), este é un proxecto de luz, luminoso en moitos sentidos, e non só polo cruzamento –moitas veces o choque– de luz solar e luz artificial que se produce nos seus retratos para cadrar a composición, senón sobre todo polo descubrimento que o Camiño produce e pola liberación que na súa experiencia achan os peregrinos. O Camiño aparece así como unha experiencia interior, que é á vez social e de relación, na que os peregrinos se constrúen a si mesmos cos outros.

Comparte