Nova: ‘A importancia do Románico no Camiño de Inverno’ resalta o valor do Patrimonio da Ribeira Sacra

15/11/2019

‘A importancia do Románico no Camiño de Inverno’ resalta o valor do Patrimonio da Ribeira Sacra

A Xunta promove con ‘O teu Xacobeo’ un encontro para potenciar a Ribeira Sacra dentro da Ruta Transrománica

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, inaugurou en Monforte o seminario ‘A importancia do Románico no Camiño de Inverno’

  • A importancia do Románico no Camiño de Inverno A importancia do Románico no Camiño de Inverno

Monforte de Lemos (Lugo), 15 de novembro de 2019.- O programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia acolle estes días no Parador Nacional de Monforte de Lemos o seminario A importancia do Románico no Camiño de Inverno”. O encontro ten por obxectivo resaltar o valor do patrimonio da Ribeira Sacra e impulsar a súa integración na Ruta Cultural Europea do Románico, tamén chamada Ruta Transrománica, e que conta co respaldo do Consello de Europa e está recoñecida desde o ano 2007 como o gran itinerario cultural do vello continente. O seminario, que foi inaugurado está mañá pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, pretende ademais pór en valor a riqueza cultural desta zona dentro do Camiño de Inverno e ofrecer con este itinerario unha alternativa aos peregrinos.

O Camiño de Inverno é a entrada natural a Galicia desde a Meseta seguindo o canle do río Sil, un itinerario empregado polos romanos e posteriormente por moitos peregrinos como alternativa ao Camiño Francés. Este itinerario, con gran concentración do románico europeo na Ribeira Sacra, ten un enorme potencial de desenvolvemento tras a súa aprobación no ano 2016 pola Xunta de Galicia.

Segue e ser unha alternativa minoritaria fronte a outros camiños a pesar da importancia paisaxística que percorre e a gran concentración do románico europeo que hai na Ribeira Sacra.

Relatores

A conferencia inaugural estivo a cargo de Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, fundación que coordina o seminario. Esta mañá tamén interveu Rosário Correia Machado, directora do Centro de Estudos do Románico e copresidenta científica da Ruta do Románico. O seminario continuará mañá coa intervención de Paulo Almeida Fernandes, do Centro de Estudos en Arqueoloxía, Artes e Ciencias do Patrimonio da Universidade de Coimbra, que falará sobre os nexos galegos na arte románica portuguesa, e pecharase coa intervención do historiador José Augusto Costa.

 

Comparte