Nova: O CGAC acollerá unha xornada para analizar a relación dos espazos culturais e as persoas con autismo

16/10/2019
O CGAC acollerá unha xornada para analizar a relación dos espazos culturais e as persoas con autismo
A cita está organizada pola Federación Autismo Galicia co apoio da Xunta de Galicia e terá lugar o vindeiro 22 de outubro
Tamén se presentará o número XXIII de ‘Maremágnum Cultura e Autismo’, revista galega de referencia sobre o Trastorno do Espectro do Autismo
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2019.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será o vindeiro 22 de outubro o escenario da xornada Cultura e Autismo, unha cita na que está previsto que participen recoñecidos profesionais do ámbito da cultura para facer unha posta en común sobre a situación actual nos espazos culturais en relación ás persoas con autismo, debatendo como abordar a súa singularidade e compartindo diferentes experiencias e modalidades de intervención cultural.
O obxectivo desta xornada, que conta co apoio da Xunta e Galicia, é reflexionar sobre a presenza de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo nos espazos culturais e presentar o número XXIII de Maremágnum Cultura e Autismo, a revista galega de referencia sobre este trastorno na que se dá conta, a través dos autores, da importancia da educación.
A cita, que se celebrará entre as 9,00 e as 14,00 horas, iniciarase coa presentación da revista e continuará coa conferencia A comunicación e a información na cultura, a cargo de Moisés de Lemos Martins, catedrático da Universidade do Minho e director do Centro de Estudos de Comunicaçao e Sociedade. O programa continuará coas ponencias Un museo aberto: espazo de integración, de Santiago Olmo, director do CGAC; Ti en min, eu en ti. Museos con Todxs, a cargo de Encarna Lago, xerente da Rede Museísta de Lugo, e de Carolina Casal, museóloga e conservadora, e Empower Parents. Conquistando espazos comúns, de Laura Donis, directora do proxecto Empower Parents.
Macarena Blanco, psicóloga da Fundación Menela, e Lidia Reyes, psicóloga de Aspanaes, pecharán a xornada afondando nas experiencias culturais que se ofrecen nos centros e servizos membros da Federación Autismo Galicia.
Inscrición gratuíta
Esta xornada está dirixida a profesionais do ámbito cultural, educativo, da mediación cultural, da intervención social, da reflexión filosófica ou da comunicación, estudantado das mesmas áreas, familiares e persoas con TEA, ao contorno asociativo da discapacidade e a calquera outra persoa interesada. A inscrición é aberta e gratuíta ata completar o aforo do Auditorio do CGAC a través do formulario online que se pode atopar na páxina web da Federación Autismo Galicia.