Nova: A biblia Kennicott volverá a Galicia 500 anos despois

14/10/2019

A biblia Kennicott volverá a Galicia 500 anos despois

A Xunta acorda con Oxford exhibir a Kennicott, unha das biblias xudías máis valiosas do mundo creada na Coruña no século XV

Será a primeira vez que o manuscrito se poida ver en España, 500 anos despois do exilio dos seus propietarios arredor do 1492, por mor do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos

Propiedade das Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, a Kennicott é testemuña do relevante papel cultural e histórico da comunidade xudía en Galicia

Anxo M. Lorenzo destacou que se trata dunha obra “esencial para a nosa historia e identidade, creada en Galicia, pero que pertence ao patrimonio mundial”

Poderase ver en ‘Galicia, un relato no mundo’, a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 21 que se inaugurará no Gaiás o 14 de novembro

O acto no que se anunciou este fito contou coa presenza do vicepresidente da Fundación HispanoJudía, Alberto Ruíz-Gallardón

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de anunciar que a Biblia Kennicott, recoñecida como unha das obras cume da ilustración medieval e un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo, será exhibida en Galicia máis de 500 anos despois de que saíse da Coruña –onde foi creada– no século XV.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, confirmou hoxe o acordo coas prestixiosas Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford –propietarias da obra– para lograr que este manuscrito, a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia na Baixa Idade Media, volva temporalmente á nosa Comunidade. Será para formar parte da mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira das grandes exposicións internacionais do Goberno galego con motivo do Xacobeo 2021, que se inaugurará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o vindeiro 14 de novembro.

Nunha rolda de prensa celebrada no Arquivo Histórico do Reino de Galicia na Coruña, o director xeral destacou que a Biblia Kennicott “é unha obra creada en Galicia, pero que pertence ao patrimonio mundial” sinalándoa ademais como a peza “que probablemente mellor reflicte o obxecto da exposición: amosar obras que resultan esenciais para a historia e identidade de Galicia, algunhas delas nunca antes exhibidas na nosa Comunidade”. O acto onde se anunciou este fito contou tamén coa participación do comisario da mostra, Manuel Gago, e do vicepresidente da Fundación HispanoJudía, Alberto Ruíz-Gallardón.

Un dos tesouros das Bibliotecas Bodleian

A Biblia Kennicott rematouse na Coruña o 24 de xullo de 1476, por encargo dun importante comerciante da cidade, Don Isaac, fillo de Salomón de Braga. Isaac e a súa familia tiveron que marchar da Coruña arredor de 1492-1493 por mor do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos e moi posiblemente levaron a Biblia con eles.

O libro seguiu un azaroso camiño por Portugal, o norte de África e Xibraltar e durante 300 anos estivo desaparecido. En 1771, Benjamin Kennicott, responsable da Biblioteca Radcliffe da Universidade de Oxford, xestionou a súa adquisición para os fondos da institución. En 1872 a Biblia sería transferida ás Bibliotecas Bodleian, tamén da Universidade de Oxford, onde continúa ata hoxe que, 500 anos despois do exilio dos seus propietarios, volverá a Galicia para ser exhibida na Cidade da Cultura no marco desta exposición, ao carón doutras obras senlleiras da presenza e papel de Galicia no contexto internacional.

Biblia de incalculable valor histórico

No acto de anuncio deste fito, o director xeral de Políticas Culturais quixo pór de relevo o logro que supón que “unha das bibliotecas históricas máis importantes, prestixiosas e antigas de Europa, acceda a este préstamo dunha obra de incalculable valor histórico”. Ademais, explicou, con pezas coma esta, Galicia, un relato no mundo “expresa perfectamente o carácter multicultural e interrelixioso do Xacobeo 2021, xa que na mesma exposición poderase ver a Biblia Kennicott e ao seu carón dúas versións do Códice Calixtino” –os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Apostólica Vaticana e da Biblioteca General Histórica de Salamanca–.

Neste punto abondou tamén o comisario da mostra, ao destacar que a Kennicott é un “magnífico expoñente da confluencia artística na España do século XV das tradicións artísticas musulmás, hebreas e cristiás”. Así o puxo de relevo, por exemplo, a reputada académica inglesa Mary Beard, Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais e catedrática na Universidade de Cambridge. No seu libro La civilización en la mirada referiuse á Kennicott como “unha biblia repleta de fascinantes ilustracións [...] xurdida nun breve período na historia de España do século XV no que as tradicións artísticas xudías, musulmás e cristiás converxeron de forma especialmente produtiva”.

Por último, o vicepresidente da Fundación HispanoJudía, Alberto Ruíz-Gallardón, quixo agradecer á Xunta de Galicia e ás Bibliotecas Bodleian o acordo para lograr que “unha obra de enorme valor para a comunidade hebrea sexa incorporada a esta exposición, dándolle así visibilidade ao relevante papel da cultura xudía na Historia de Galicia”. Neste senso, o regreso da Biblia Kennicott era unha reivindicación histórica de numerosos colectivos e voces. A Fundación HispanoJudía vén de sumarse aos apoios desta exposición cunha colaboración que contribúe a sufragar parte dos gastos derivados da xestión do préstamo e do seguro da peza.

300 obras senlleiras

A Biblia Kennicott é a última das grandes pezas confirmadas que formarán parte desta exposición, procedentes de distintos puntos do mundo e cun gran valor simbólico para a cultura e a historia de Galicia. Súmase así a outras máis de 300 obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo entre as que destacan pezas como a Santa de Francisco Asorey, anunciada a pasada semana. Esta escultura en madeira policromada non só é unha das pezas máis destacadas do escultor cambadés, senón tamén unha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller labrega galega, rachando cos códigos estéticos da época.

Na mostra poderán verse por vez primeira en Galicia pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, o Codex Aretinus de Arezzo –que contén o Itinerario de Exeria, o libro de viaxes desta aristócrata galaicorromana que foi a primeira escritora coñecida da Península Ibérica–, ou Cancioneiro da Vaticana, ademais de dous Liber Sancti Iacobi –versións do Códice Calixtino compostelán, procedentes da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca–.

A exposición, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e que se poderá visitar de balde no Museo Centro Gaiás ata o 12 de abril de 2020, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración.

Comparte