Nova: Vigo acolle o festival Kerouac

02/10/2019

Vigo acolle o festival Kerouac

Anxo M. Lorenzo destaca a capacidade do festival Kerouac de funcionar como unha ponte atlántica que une Galicia con América

O director xeral de Políticas Culturais participou na presentación desta cita que describiu como “un luxo para a cidade de Vigo”

Participan neste festival unha ducia de artistas entre os que se atopan Rocío Cerón, Lua Mosquetera, Moloch, Samir Delgado ou o Grupo Rompente

Vigo, 2 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Vigo na presentación do Festival Kerouac que, desde hoxe e ata o vindeiro 6 de outubro, celebrará a súa novena edición coa participación dunha ducia de artistas entre os que se atopan Rocío Cerón, Lua Mosquetera, Moloch, Samir Delgado ou o Grupo Rompente.

O Festival Kerouac, no que se integra a Xunta de Galicia, pretende funcionar como unha ponte atlántica entre países e continentes da man da poesía. Neste sentido, a cita cruzou o Atlántico no 2016 para instalarse tamén en Nova York, o que permitiu levar e traer artistas e poetas desde Estados Unidos á cidade olívica. Ademais, en xaneiro deste mesmo ano celebrouse por primeira vez en Cidade de México e o ano que ven estrearase en Lisboa, unindo así catro cidades a ámbolos dous lados do Atlántico e potenciando a poesía e a cultura destes catro países.

Nesta novena edición a sensación será o regreso aos escenarios do grupo pioneiro de creación poética multidisciplinar Rompente, composta por Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, que volven 40 anos despois da súa aparición artística para recordar aos que abriron o camiño da poesía experimental na cidade olívica. Contarase ademais con Rocío Cerón, unha das voces máis importantes da poesía en México; Luna Montenegro e Adrián Fisher, parella de intérpretes e artistas conceptuais chegados desde Londres; Lisbon Poetry Esemble, un exquisito cuarteto de música e palabra falada de Lisboa, ou con Samir Delgado, poeta canario afincado en México que presentará o seu novo libro Xardín Seco.

Galicia estará representada co novo proxecto de Silvia Penas e Tamara Andrés, Cartografías para un pergamiño portátil, e co pontevedrés Moloch. Ademais, tamén haberá unha selección de propostas de toda España e Portugal con Constance Hurlé e Rui Grelha, Lúa Mosquetera, Noctiluca, Daniel Rodríguez ou Beatriz Alonso.

Anxo M. Lorenzo destacou que esta programación, que describiu como “un luxo para a cidade de Vigo”, permitirá analizar o contraste entre dúas xeracións ao contar con artistas cunha traxectoria de máis de 40 anos e con poetas actuais.

‘Con barqueira e remador’

A programación desta novena edición do festival Kerouac arrancará mañá na Galería Sargadelos, ás 19,00 horas, coa colaboración dos participantes no VIII Obradoiro Internacional de tradución poética Con barqueira e remador, un evento coordinado pola poeta Yolanda Castaño.

Trátase dunha actividade de entrada gratuíta na que Gonzalo Hermo (Galicia), Manal Al-Sheikh (Iraq), Adrian Grima (Malta), Arvis Viguls (Letonia), Rui Cóias (Portugal) e Itisha Giri (Nepal) recitarán as súas poesías en linguas orixinais e con traducións ao galego.

Novos espazos

Cómpre destacar que a Fundación Barrié de la Maza, onde o venres poderase gozar con Rompente, Silvia Penas e Tamara Andrés e Montenegro Fisher, volverá a ser a sede central deste festival que tamén terá actividades na Galería Sargadelos ou no restaurante de El Corte Inglés. Os espazos novidosos deste ano serán a Sala Radar, onde se desenvolverá a noite do sábado o evento nocturno do festival, a cargo do Lisbon Poetry Ensemble e Moloch, e La Taberna del Náutico, o domingo en sesión vermú, con Lúa Mosquetera, Beatriz López, Samir Delgado, as burbullas sonicas de Rocío Cerón e o Open Mic do festival. A continuación, os poetas cruzarán o río en barco con recitais a bordo no Poetry On Board.

Ademais de varias accións poéticas, o festival complétase co Poemóbil, un coche con megafonía no que os poetas circulan recitando poesía e que funcionará mañá e tarde de mércores a sábado. Tamén como en anos anteriores, os poetas irán aos institutos Santa Irene e IES Castelao o xoves pola mañá, para dar unha nova visión ás novas xeracións do que pode ser a poesía.

O domingo pola tarde celebrarase a cerimonia de clausura, inaugurando unha nova sección do Muro dos Poetas, unha instalación poética permanente a cargo da poeta Shernie Kaur que medra ano tras ano na rúa Londres.

A celebración deste festival, que atrae ata a cidade de Vigo a poetas e artistas de todo o mundo que desfrutarán de cinco días de recitais, concertos, representación e accións poéticas, esperta curiosidades en toda España e na edición do pasado ano rexistrouse un cheo total en todos os espazos.

Comparte