Nova: Espazos Sonoros despídese con danza e canción de autor galegas

24/10/2014

Espazos Sonoros despídese con danza e canción de autor galegas

A igrexa da Magdalena de Ribadavia acollerá mañá, ás 19 horas, un espectáculo de danza contemporánea a cargo do proxecto Voltage opposites

Xoán Curiel ofrecerá o concerto de clausura o domingo, ás 12:30 horas, no poboado mineiro de Fontao, en Vila de Cruces, onde previamente se realizará unha visita guiada
 

  • Micro Impactos Micro Impactos
  • Xoán Curiel Xoán Curiel

Santiago, 24 de outubro de 2014.- Logo de percorrer a xeografía galega desde o pasado 14 de setembro cunha completa programación de actividades e concertos en lugares de especial valor patrimonial, o ciclo Espazos Sonoros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remata esta fin de semana a súa sétima edición con danza contemporánea e música de autor galegas.

Mañá sábado, a igrexa da Magdalena de Ribadavia, na provincia de Ourense, será o escenario do espectáculo multidisciplinar Micro Impactos, unha instalación artística a cargo do proxecto Voltage opposites que afonda na interrelación entre a danza contemporánea, o ‘live cinema’ e a experimentación sonora.

A obra de Paula Quintas, Xoán-Xil López e Adriana Pazos, que se estrutura en módulos-impactos, parte dunha localización concreta para ir conformando un espazo escénico de seu a través da combinación das sensacións que transmiten o movemento do corpo, a proxección das imaxes transformadas en tempo real e a reelaboración do espazo sonoro. A entrada ao espectáculo é libre ata completar o aforo e realizarase antes das 19 horas, momento no que dará comezo o espectáculo.

Concerto de clausura con Xoán Curiel
O domingo, Xoán Curiel, un dos máis firmes valores da música galega, poralle o broche ao festival cun concerto que terá lugar ás 12:30 horas no poboado mineiro de Fontao, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. ‘Novas’ é o novo espectáculo do cantautor, que estará acompañado polos músicos Adrián Solla e Alberte Rodríguez.

Antes da actuación, ás 11 horas, haberá unha visita guiada ao poboado da man da historiadora Encarna Otero Cepeda, directora do documental ‘A luz do negro. O volframio da Brea e o poboado de Fontao’, producido polo Consello da Cultura Galega.

Música e patrimonio
Desde o pasado 26 de setembro e baixo a dirección artística de Belén Bermejo, a programación de Espazos Sonoros 2014 viaxou polas catro provincias galegas cunha completa programación de actividades e concertos co fin de promover a posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como artístico, e fomentar o interese musical e creativo do conxunto da poboación de Galicia.

A sétima edición do festival percorreu antigas melodías europeas da man de artistas e formacións galegas xunto con outras convidadas de sólida traxectoria, achegouse á paisaxe dos tubos dos órganos das igrexas a través de concertos e obradoiros, realizou percorridos guiados polo patrimonio e amosou algunhas das propostas artísticas máis novidosas.

Marco Aurélio Brescia, laReverdie, o coro E Ultreia, o Cuarteto Skirion, Mercedes Hernández e Fernando Reyes, Doa, Marco Beasley & friends, Voltage opposites e Xoán Curiel conformaron o cartel de Espazos Sonoros 2014, cunha programación que chegou este ano aos concellos de Baiona, Santiago de Compostela, Padrón, Silleda, Esgos, Betanzos, Allariz, Pantón e Monforte de Lemos, e que rematará esta fin de semana en Ribadavia e Vila de Cruces.
 

Comparte