Nova: A Cidade da Cultura inaugura a exposición gañadora do concurso de intervencións artísticas nas Torres Hejduk

29/08/2019

A Cidade da Cultura inaugura a exposición gañadora do concurso de intervencións artísticas nas Torres Hejduk

A instalación de ‘Sthay here’, de Alejandro Ginés, coincide coa posta en marcha por parte da Xunta dunha nova convocatoria para creacións artísticas neste espazo expositivo que estean vinculadas co Xacobeo 21

As intervencións que presenten os participantes do #EAN9 deberán ter como eixe algunha das Rutas Xacobeas e afondar na relación do Gaiás co Camiño de Santiago

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor que o enfoque artístico deste concurso servirá para ampliar o fito social, relixioso e espiritual do Ano Santo

 

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia abre coa inauguración hoxe da instalación Stay here, nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia, a convocatoria de creacións artísticas neste espazo expositivo vinculadas co Xacobeo 21. A peza escultórica de Alejandro Ginés resultou gañadora da VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018. A partir de hoxe, os artistas emerxentes que participaron no #EAN9 teñen de prazo ata o 14 de outubro para presentar un proxecto que teña como eixe as Rutas Xacobeas e afonde na relación do complexo do Gaiás ¬¬–que ten un vencello visual coa Vía da Prata e a catedral compostelá– co Camiño de Santiago.

Stay here é unha peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, que converte as edificacións ideadas por John Hejduk –e construídas por Peter Eisenman no Gaiás a modo de homenaxe– nunha especie de enxeñosa matrioska, que convida á participación de quen a ve, tanto no seu posible manexo como nas súas múltiples lecturas sobre a sociedade actual: o excesivo fomento do individualismo (unha única cadeira); o poder (só unha persoa pode sentarse e no cumio) ou o estatus social (perspectiva desigualitaria, por riba do resto).

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu á inauguración da peza que supón, a súa vez, o peche da edición deste ano do IX Encontro de Artistas Novos, que conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, tras cinco días de residencia artística na Cidade da Cultura de Galicia. Por iso, na súa intervención animou aos 40 artistas participantes a presentarse á nova convocatoria vencellada co Xacobeo 21 como “unha oportunidade” e “desafío creativo”, tanto por celebrarse nun espazo expositivo non convencional –como son as Torres Hejduk– como pola nova temática ao redor do Camiño de Santiago.

Deste xeito, acompañado pola director do EAN, Rafael Doctor; do delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva; da directora de Acción Cultural do Gaiás, María Otero Pereira; e do propio creador de Stay Here, Anxo M. Lorenzo puxo en valor que os “novos discursos e novos enfoques artísticos” que poden saír deste concurso de intervencións artísticas axudarán a ampliar o “fito, social, relixioso e espiritual do Xacobeo”.



Alejandro Ginés



Alejandro Ginés (Sevilla, 1984) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, completou a súa formación realizando o máster Idea e Produción e está a cursar o Doutoramento en Arte e Patrimonio. Amosou o seu traballo en varias exposicións colectivas, como Parasitos, no Centro Andaluz de Arte Contemporáneo (Sevilla), Pottery Points na Galería Yusto/ Giner, (Marbella), #UNDER35 4th edition, na Galería Gacma (Málaga), XIII Certamen de Creación Joven (Sevilla), XX Exposición de Artes Plásticas, IV Exposición de Fotografía da Asociación Reunart, Valladolid ( MUVa), I Exposición BIUNIC na Fundación Valentín Madariaga (Sevilla) ou a XXXVII Exposición Certame Nacional de Arte Contemporáneo Ciudad de Utrera, Casa de Cultura, entre outros.

Tamén realizou exposicións a título individual como Puede que esto no le guste a nadie, en Diwap Gallery, (Sevilla), Exit/ Exist no Palmeral, Espazo Iniciarche, (Málaga), Habitar el espacio, Centro de Interpretación ( Guillena, Sevilla) ou Espacios no domésticos, Casa da Cultura Juan Varela, Doña Mencía (Córdoba).

O creador de Stay here foi premiado e seleccionado en varios concursos, como no Call 2016, na XVIII Convocatoria Internacional de Jóvenes Artistas de Luís Adiantado (Valencia), no Open Studio Madrid 2018, no MálagaCrea 2017, onde obtivo o segundo premio na modalidade de artes visuais, no XIII Certame de Creación Joven de Sevilla, recoñecido co terceiro premio na modalidade de escultura, ou no II Premio de fotografía Ciudad de Badajoz.

Ademais, a súa obra está presente en varias coleccións de institucións como, por exemplo, o Centro de Arte Contemporánea (CAC) de Málaga, a Fundación Valentín de Madariaga, (Sevilla), o Centro de Iniciativas Culturais da Universidade de Sevilla (CICUS), o Concello de Utrera (Sevilla), o Concello de Badaxoz ou o Concello de Sevilla.

 

Comparte