Nova: O fomento do galego e a promoción da igualdade centran o programa 'Nós contra a violencia'

30/07/2019

O fomento do galego e a promoción da igualdade centran o programa 'Nós contra a violencia'

Concertos, pezas teatrais, obradoiros e material para campamentos de verán forman parte deste proxecto de actividades impulsadas pola Xunta e enmarcadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2019.- A Xunta impulsa un programa de actividades de dinamización da lingua galega e de sensibilización contra a violencia de xénero baixo o lema Nós contra a violencia. No marco deste proxecto, que foi presentado hoxe na Cidade da Cultura, os concellos incluídos na Rede de Dinamización Lingüística acollerán actividades como concertos, pezas teatrais, obradoiros, contacontos e material para campamentos de verán centrados no fomento do uso do galego e na promoción da igualdade.

Na presentación desta iniciativa participaron hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. De feito, esta acción é froito dun acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e a Consellería de Cultura e Turismo para desenvolver parte das medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, centrado en sensibilizar á sociedade da necesidade de loitar contra esta lacra.

O titular de Cultura e Turismo destacou que se trata dunha iniciativa que permite avanzar na consecución de “dous obxectivos prioritarios” para o Goberno galego, como son a promoción do galego e a sensibilización contra a violencia de xénero. Neste sentido, salientou que no marco de Nós contra a violencia difundiranse valores como o respecto e a promoción da igualdade entre mulleres e homes a través das artes escénicas pero tamén mediante iniciativas como a creación de material didáctico e formativo nesta materia realizado no noso idioma.

Plan de dinamización da lingua galega na mocidade

Aínda que o programa recolle actividades para todos os públicos, Román Rodríguez incidiu na necesidade de sensibilizar aos máis novos na loita contra a violencia machista, ao tempo que se fomenta o uso do galego. De feito, lembrou que a promoción do noso idioma entre a mocidade é un dos eixos estratéxicos do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade elaborado pola Xunta e dotado con máis de 17 millóns de euros.

O conselleiro destacou que todas as actividades deste programa inciden nalgunhas das liñas mestras deste plan, como a potenciación dunha oferta de lecer en galego dirixida á mocidade, a ampliación e consolidación dunha oferta de produtos en galego destinados ao público xuvenil ou a difusión de modelos galegofalantes de referencia entre os máis novos.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou a importancia de iniciativas como esta, que son mostra do compromiso transversal do Goberno galego na loita contra a violencia de xénero, en tanto que esta lacra que só se pode erradicar co esforzo conxunto de todas as institucións e toda a sociedade.

Neste marco de compromiso integral, a Vicepresidencia está a asinar acordos cos distintos departamentos da Xunta para impulsar medidas de carácter transversal no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Así, xa se asinaron acordos de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo; con Educación; con Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; coa Secretaría Xeral para o Deporte; con Política Social; con Medio Rural; ou coa Consellería de Sanidade. Tamén se están ratificando marcos de colaboración nesta materia coas universidades galegas, co Colexio Oficial de Traballo Social ou co Colexio Oficial de Psicoloxía.

O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero conta cun orzamento global de preto de 16 millóns de euros para este ano en Galicia.

Música, teatro e material didáctico

Entre as actividades que se levarán a cabo no marco de Nós contra a violencia destacan accións como a peza teatral Mai Mai a cargo de Baobab Teatro, que aborda temas como o empoderamento feminino ou a prevención da violencia. Tamén se inclúe o espectáculo O rueiro das liortas, de Elefante Elegante Teatro, unha obra que afonda no papel das mulleres nas relacións de parella.

No eido musical, terá lugar un concerto do grupo A Roda titulado A Roda da igualdade. mentres que tamén haberá obradoiros para pais e nais dentro do proxecto Igual-Son, que inclúe música, danza e contos para incentivar o uso do galego e reflexionar e educar en valores de igualdade. En paralelo, editarase unha guía educativa centrada na prevención da violencia de xénero para mozos e mozas e elaboraranse materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais, así como un manual práctico de ferramentas educativas para previr a violencia contra as mulleres, entre outras iniciativas.

Tanto o calendario de actividades como os concellos nos que recalarán as propostas de Nós contra a Violencia iranse dando a coñecer ao longo do ano.

Comparte