Nova: Un concerto de acordeón, clarinete-percusión e gaita pecha o ciclo Camiños Sonoros no Pico Sacro para dinamizar a Vía da Prata

28/07/2019

Un concerto de acordeón, clarinete-percusión e gaita pecha o ciclo Camiños Sonoros no Pico Sacro para dinamizar a Vía da Prata

A actuación, á que asistiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, correu a cargo de Martiño Malleiro Díaz, Fernando Estévez Rodríguez e Nadia Vázquez Martínez

  • Concerto-Camiños-Sonoros-vía-da-prata Ovidio Rodeiro asiste á clausura de Camiños Sonoros

Boqueixón (A Coruña), 28 de xullo de 2019.- Camiños Sonoros, o ciclo musical impulsado pola Xunta de Galicia que está percorrendo diferentes concellos galegos da Vía da Prata, fixo parada este domingo no Pico Sacro de Boqueixón para pechar os recitais que comezaron o pasado mes de maio. Este ciclo contou coa dirección artística de Andrea González.

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, asistiu ao último concerto que pechou a programación que contou con 40 actuacións gratuítas, dirixidas ao público en xeral, que tiveron lugar durante os fins de semana de maio, xuño e xullo en diferentes emprazamentos de interese patrimonial na Vía da Prata, percorrendo as tres provincias galegas polas que atravesa este itinerario xacobeo.

O percorrido musical pola Vía da Prata concluíu coa actuación de dous mozos e unha moza. Martiño Malleiro Díaz deleitou ao público coa súa destreza co acordeón, mentres que Fernando Estévez Rodríguez fixo o propio co clarinete-percusión. Pechou este trío de prodixios Nadia Vázquez Martínez, coa gaita.

Todos os concertos correron a cargo de máis de 100 estudantes de conservatorios profesionais situados na Vía da Prata como os de Xinzo de Limia, Ourense, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, así como con alumnos dos dous conservatorios superiores, o de Vigo e o da Coruña. As actuacións musicais incluíron un repertorio de diferentes estilos e nalgúns casos combináronse con breves explicacións dos intérpretes.

A música, o patrimonio e a formación uníronse neste percorrido polo territorio galego. O ciclo forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no calendario da Xunta que prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural neste roteiro en 2019. Ovidio Rodeiro lembrou que a Administración autonómica está levando a cabo varias accións para impulsar esta ruta. Neste sentido, inviste 3 millóns de euros na súa sinalización e mellora.

Ademais, como novidade, a Xunta ten en marcha unha ambiciosa operación para garantir a adecuada conservación dos Camiños de Santiago de cara ao Xacobeo 21, polo que cada trazado contará co seu propio contrato de mantemento. No caso da Vía da Prata, beneficiaranse 28 concellos e actuarase en 236 km cun investimento de 1,6 millóns de euros. O treito final da Vía da Prata inclúese no lote do Camiño de inverno á altura de Lalín, que contempla unha inversión superior aos 1,4 millóns de euros.

Comparte