Nova: Celebración da segunda edición dos Premios Galicia Parabéns

13/06/2019

Celebración da segunda edición dos Premios Galicia Parabéns

Feijóo destaca o compromiso de Celanova e Mondoñedo coa paisaxe e o patrimonio e di que a súa implicación debe inspirarnos para desde todos os puntos de Galicia traballar no mellor Xacobeo da historia

De cara ao Xacobeo 2021, salienta que os pequenos concellos tamén se beneficiarán do investimento de máis de 15 millóns para ter en perfecto estado 1.500 quilómetros do Camiño de Santiago, en máis de 130 concellos galegos

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso dos concellos de Celanova e Mondoñedo co coidado da paisaxe e o patrimonio e afirmou que a súa implicación debe inspirarnos para, desde todos os puntos de Galicia, traballar no mellor Xacobeo da historia.

Durante a gala de entrega da segunda edición dos Premios Galicia Parabéns, Feijóo incidiu na importancia de recoñecer esta tarefa nos municipios do rural galego que, moitas veces con dificultades, apostan pola conservación paisaxística como unha prioridade. Así, resaltou o compromiso de Mondoñedo co seu proxecto de posta en valor do territorio do Camiño Norte, unha iniciativa que permitirá embelecer a primeira imaxe que teñen da vila os peregrinos, ao mesmo tempo que se dota de novos servizos aos veciños.

E, de Celanova resaltou a súa iniciativa para a integración harmónica da antiga muralla e fortaleza medieval de Vilanova dos Infantes –un dos burgos medievais máis singulares no etnográfico e no arquitectónico de Galicia- a través da urbanización e a pavimentación.

Ademais de recoñecer a implicación destes concellos, o responsable do Executivo autonómico recordou que o premio outorga 400.000 euros a cada un deles para que os proxectos sigan adiante. Deste xeito, Celanova poderá actuar na consolidación da parte edificada de orixe histórica que bordea o recinto medieval fortificado, para mellorar as zonas verdes adxacentes á muralla; restaurar unha pequena agrupación de hórreos e mellorar a praza da vila para facilitar actividades artesanais e festivas.

No caso de Mondoñedo, poderanse levar a cabo melloras na parroquia de Vilaverde –unha das primeiras que atopan os peregrinos desta ruta-; a posta en valor de elementos singulares do patrimonio artístico e histórico como os muros da catedral ou o cemiterio municipal; e unha plantación de arborado autóctono no Camiño de Santiago, ademais de fomentar este tipo de árbores.

Así mesmo, lembrou que, de cara ao Xacobeo 2021 “desde a Administración autonómica investiremos máis de 15 millóns no mantemento dos itinerarios oficiais do Camiño para ter en perfecto estado ata 1.500 quilómetros en máis de 130 concellos galegos”, afirmou.

Co obxectivo de que este sexa tamén o Xacobeo do rural, incidiu en que exemplos coma o de Mondoñedo ou Celanova, serven para animar a seguir traballando desde todos os puntos de Galicia para celebrar o mellor Xacobeo da historia.

Comparte