Nova: O Museo Histórico Provincial de Lugo celebra o Día Internacional dos Arquivos

03/06/2019
O Museo Histórico Provincial de Lugo celebra o Día Internacional dos Arquivos
O conselleiro de Cultura referiuse a este feito no acto celebrado no Histórico Provincial de Lugo co gallo do Día Internacional dos Arquivos
Presentouse un novo exemplar da serie Documentos singulares do arquivo lucense, o ‘Livro da Montaría’ do rei João I de Portugal
“Conmemorar e visibilizar” a importancia destas institucións é o obxectivo da programación da Xunta de Galicia arredor desta efeméride
Lugo, 3 de xuño de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu esta tarde no Arquivo Histórico Provincial de Lugo (AHPLU) a presentación e incorporación á serie Documentos singulares do Livro da Montaría do rei João I de Portugal. Trátase dun dos actos centrais organizados pola Xunta de Galicia con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos.
O titular de Cultura cualificou o manuscrito real exposto como unha “peza excepcional” e lembrou que desde hoxe comeza unha semana de portas abertas neste centro, “na que todo aquel que queira, poderá coñecer de primeira man o moito e bo que se fai nun arquivo”.
Así mesmo, na súa intervención, Román Rodríguez chamou a atención sobre a importancia dos arquivos na preservación da memoria colectiva, a garantía dos dereitos dos cidadáns e a estruturación da sociedade da información, recordando que, aínda que a efeméride se celebrará o vindeiro domingo, día 9, desde a Xunta estamos a “conmemorar e visibilizar” esta celebración con actividades durante toda a semana.
O Día nos arquivos de titularidade autonómica
Finalmente, o conselleiro adiantou outras iniciativas previstas nos centros arquivísticos de titularidade autonómica, como a conferencia Bernardo de Brihuega, colaborador de Alfonso X, que impartirá este mércores en Ourense o investigador da Universidade de Alcalá, Ricardo Pichel; ou a mostra Patrimonio Industrial. Memoria e Cultura, que se inaugurará o vindeiro venres, día 7, na Biblioteca e Arquivo de Galicia.
No acto participou, ademais do conselleiro, a directora do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, María Dolores Pereira Oliveira, e as arquiveiras María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, que comentaron a historia do Livro da Montaría e explicaron a importancia documental e histórica dos pregos custodiados neste centro. Estiveron no acto o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo.
Unha peza única do medievo portugués
O orixinal deste Livro da Montaría escribiuse na corte deste rei portugués entre 1415 e 1433. A devandita obra foi dada por perdida, pero no ano 2013 atopouse no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, formando parte das encadernacións dos protocolos de Monforte de Lemos.
O códice é un tratado sobre a caza do xabaril sobre pergameo de calidade. Este documento medieval foi acometido en escritura gótica, a tinta negra disposta en dúas columnas de 33 liñas cada unha e coas iniciais decoradas en azul, vermello e malva. Trátase dunha cuarta parte do conxunto da obra, que ten chegado a nós por copias da Idade Moderna.
Actividade conmemorativa no AHPLU
O Arquivo Histórico Provincial de Lugo celebrará unha semana de portas abertas até o vindeiro venres. Todas as persoas interesadas poderán visitar o centro e coñecer de primeira man as salas de proceso técnico de organización de documentos, o taller de restauración ou os depósitos documentais, aproximándose así á totalidade do traballo que se fai para a conservación e difusión dos documentos. Para participar nestas visitas é indispensable realizar reserva previa. Os grupos serán como máximo de 20 persoas e poderá optarse por quendas de mañá ou tarde.
Así mesmo, no marco das visitas tamén se mostrará durante esta semana unha escolma documental, de pergameos até expedientes administrativos, que acreditan as actividades desenvolvidas polas administracións e os cidadáns desde a Idade Media até a actualidade.