Nova: 'Camiños Sonoros' arriba ao CGAC coa participación de oito conservatorios

02/06/2019

'Camiños Sonoros' arriba ao CGAC coa participación de oito conservatorios

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, saudou aos participantes desta actividade da programación do Xacobeo 21

A xornada inclúe o Concerto dos Embaixadores na Praza de Cervantes a cargo dos músicos Abe Rábade, Susana Seivane e Víctor Prieto

Un cento de alumnos de oito conservatorios galegos participan na xornada formativa do ciclo ‘Camiños Sonoros’ no CGAC

  • Un cento de alumnos de oito conservatorios galegos participan na xornada formativa do ciclo ‘Camiños Sonoros’ no CGAC

Santiago de Compostela, 02 de xuño de 2019.- Un cento de alumnos de oito conservatorios galegos participan hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) nunha xornada formativa dentro da iniciativa Camiños Sonoros, o ciclo musical promovido pola Consellería de Cultura e Turismo para a promoción e difusión da Vía da Prata dentro da programación do Xacobeo 21. O secretario xeral técnico deste departamento, Manuel Vila, achegouse esta tarde a saudar aos participantes.

Entre as actividades nas que participa o alumnado destaca a realización de clases con actores para axudar aos estudantes a mellorar a súa conexión co público, buscando a profesionalización do sector. Ademais, reciben formación sobre dramatización, dereitos do artista, habilidades de comunicación ou sobre como mellorar a súa presenza nas redes sociais.

A xornada péchase ás 21,00 horas coa celebración na Praza de Cervantes do Concerto dos Embaixadores a cargo dos músicos Abe Rábade, Susana Seivane e Víctor prieto. Durante esta fin de semana, a Praza de Praterías acolleu outros catro concertos deste ciclo no que participou alumnado dos oito conservatorios participantes.

Tras o seu paso por Santiago de Compostela, Camiños Sonoros, que conta coa dirección artística de Andrea González, continuará coa súa programación ata o vindeiro mes de xullo, tempo no que atravesará diferentes emprazamentos de interese patrimonial na Vía da Prata como o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Liñares en Lalín ou o Pico Sacro, en Boqueixón, entre outras.

O ciclo componse dun total de 40 concertos, que se celebran durante as fins de semana de maio, xuño e xullo, forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no Plan Director do Camiño de Santiago, que en 2019 prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata.

Comparte