Nova: Conta atrás para o ‘Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular’

01/06/2019

Conta atrás para o ‘Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular’

O ‘Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular’ está promovido pola Xunta para apoiar a cultura galega de base e terá lugar do 28 ao 30 de xuño

O conselleiro de Cultura e Turismo eloxia o labor das bandas de música, que en Galicia aglutinan uns 8.000 intérpretes en máis dun cento de formacións, ademais “do seu valor artístico e docente, formando ás futuras xeracións de músicos”

O evento está dirixido por Quique Peón e conta co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), Agadic e Gadis

O programa inclúe concertos que mesturan as bandas de música con outras manifestacións artísticas ou un gran baile ambientado a comezos do século XX

  • O Gaiás acollerá 500 intérpretes de bandas de música nunha edición do 'Serán' dirixida a pór en valor estas formacións

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2019.- Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia daranse cita do 28 ao 30 de xuño no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou máis de 7.000 asistentes.

Ao longo dos tres días, o Serán’02 despregará un intenso programa con concertos de diversas bandas de música galegas, incluíndo un man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–, e concertos de formacións infantís e xuvenís. Outro dos pratos fortes do encontro será o Baile Irmandades da Fala, que convidará a todos os asistentes a achegarse caracterizados da época para danzar na Praza Central do Gaiás ao son das bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Rivadulla e a Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.

O programa do encontro foi avanzado esta mañá nunha rolda de prensa celebrada no Xardín do Teatro do Gaiás, coa participación do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, do presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), Iván Estévez, e do director artístico do Serán, Quique Peón. Ao remate da presentación, a Banda de Música Municipal de Valga interpretou un breve repertorio.

O titular de Cultura do Goberno galego eloxiou o feito de que esta segunda edición do Serán estea dedicado ás bandas de música, pondo de relevo o seu importante papel na cultura galega de base, “tanto pola súa relevancia artística como polo labor social e docente que desenvolven, formando no seu seo ás novas xeracións de músicos”. Segundo datos da FGBMP, en Galicia contamos a día de hoxe con máis dun cento de agrupacións que aglutinan a uns 8.000 músicos e nas que aprenden música arredor de 5.000 nenos.

Recoñecemento das bandas de música galegas

“Non só temos exemplos de grandes músicos tocando en formacións profesionais en todo o mundo que comezaron a súa andadura na bandas das súas vilas”, sinalou Román Rodríguez, “senón que tamén as bandas galegas son recoñecidas dentro e fóra das nosas fronteiras pola súa calidade artística, situándose entre as mellores de Europa e acadando premios en certames internacionais”, apuntou o conselleiro.



Como exemplos, podemos destacar que no Serán’02 participarán formacións como a Banda de Lalín, premiada en 2013 e 2009 no WMC de Kerkrade (Holanda) –certame considerado un auténtico mundial das bandas de música e que reúne cada catro anos unha selección de 200 bandas de todo o mundo–; A Lira de Ribadavia, premiada en 2018 no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia; ou a Unión Musical de Meaño, que vén de gañar en abril deste ano o XXI Concorso Bandistico Internazionale Flicorno d’Oro en Riva del Garda (Italia) coa máxima puntuación do festival en todas as edicións.

O acto de presentación do evento, que ten o apoio da FGBMP, a Agadic e Gadis, contou tamén coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, así como de directores e representantes de distintas bandas de música da xeografía galega.

Programa para todo tipo de público

O Serán’02 nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector, polo que incluirá contidos de tipo profesional ¬–como clases maxistrais, conferencias e mesas redondas– e outros dirixidos a un público xeral e familiar, que ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados poderán visitar o recinto feiral do encontro, cunha trintena de expositores, e participar en obradoiros de baile agarrado e talleres de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás.

O Serán. Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura popular, dedicando as súas edicións sucesivas a diversas manifestacións da nosa cultura de base. A primeira edición deste Encontro Galego de Cultura Popular estivo centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural, cuxa tramitación se iniciaba en abril do pasado ano coa incoación do expediente.

Comparte