Nova: A Xunta colabora coas universidades para avanzar na candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a Patrimonio da Humanidade

23/05/2019

A Xunta colabora coas universidades para avanzar na candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a Patrimonio da Humanidade

Feijóo destacou que o formulario da candidatura é un elemento técnico básico para proseguir o proceso

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe da aprobación por parte do Consello da Xunta dun convenio coas tres universidades galegas para a elaboración do formulario da candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a Patrimonio da Humanidade, elemento técnico básico para proseguir o proceso.

Este formulario supón un paso importante xa que a elaboración das candidaturas está suxeita a distintas avaliacións nacionais e internacionais e para afrontala “o formulario ten que ser sólido, ten que ter distintas avaliacións metódicas feitas por expertos con criterio científico e con rigor”, abundou Feijóo.

O convenio coas tres universidades galegas contará cun orzamento de 80.000 euros para a caracterización científico técnica do Parque Nacional. Feijóo destacou que o formulario analizará aspectos como “a diagnose dos compoñentes do ambiente, a biodiversidade e a xeodiversidade, a súa delimitación, a valoración territorial e a análise das normas de xestión que inciden sobre o espazo e a conservación dos bens de patrimonio natural”.

O presidente da Xunta lembrou que levamos moito tempo traballando na candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia a Patrimonio da Humanidade. “Esta é unha carreira de relevos, é unha tramitación moi longa, moi complexa e, de conseguirse, tería efectos moi positivos para Vigo, Bueu, Ribeira e Vilagarcía, e, por suposto, para toda Galicia”, incidiu.

Feijóo detallou os catro aspectos clave que outorgan a seguridade de que a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia reúne as condicións necesarias para optar a esa declaración: o seu valor universal excepcional, a súa integridade territorial, os niveis de protección específicos e a existencia dunha unidade de xestión a través do Padroado do Parque Nacional.

O Ministerio de Cultura incluíu en 2017 a candidatura na Lista indicativa nacional que se ía remitir á Unesco, lista que foi actualizada e publicada pola entidade en febreiro de 2018. Feijóo explicou que o seguinte paso era que a candidatura permanecese un ano na lista indicativa, polo que transcorrido ese prazo, o Goberno galego retoma a actividade encargando o formulario da candidatura.

Comparte