Nova: A mostra ‘Antonio Fraguas, memoria dun soño’ exhíbese en Cerdedo-Cotobade

21/05/2019

A mostra ‘Antonio Fraguas, memoria dun soño’ exhíbese en Cerdedo-Cotobade

Tras pasar por Santiago e Ourense, a exposición da Xunta de Galicia pode visitarse ata finais de maio na aula multiúsos de Carballedo, en Cotobade

Consta de 12 paneis acompañados dun cuadríptico explicativo que permiten coñecer a vida e a obra do autor a quen a RAG lle dedicou este ano o 17 de maio

  • Detalle do primeiro panel da exposición Antonio Fraguas, memoria dun soño Antonio Fraguas

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 21 de maio de 2019.- A mostra Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo no marco da programación institucional Letras Galegas 2019, exhíbese ata finais de maio en Cerdedo-Cotobade, municipio natalicio de Fraguas. Trátase da exposición conmemorativa con que a Xunta de Galicia lle rende homenaxe ao intelectual cotobadés ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedicou este 17 de maio.

Tras pasar por Ourense e Santiago, a mostra poderá visitarse na aula multiúsos de Carballedo (Cotobade), ata final de mes, cando se trasladará a Pontevedra, outra das 12 localidades onde fará parada para difundir a vida e a obra de Antonio Fraguas. Nas seguintes semanas, será posible vela tamén na Coruña, en Lugo, Vigo, Ferrol, Arteixo, A Estrada, Amoeiro (Fundación Otero Pedrayo) e Celanova.

Deseñada e producida por Ronsel de Ideas, consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis en que se fai un percorrido pola vida de Antonio Fraguas e as achegas que, en diferentes momentos dela, este lle fixo á cultura galega, ata que, no final da súa existencia, coa chegada da democracia e da autonomía para Galicia, empezou a ver como se materializaba o vello soño que guiara o seu percorrido vital. Ao tempo que presenta a traxectoria de Antonio Fraguas, a mostra vai ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra. Tanto o cuadríptico coma os paneis que constitúen a exposición poden verse e descargarse tamén no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/exposicion-fraguas).

Compromiso coa cultura popular

O autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2019, Antonio Fraguas (Loureiro, Cerdedo-Cotobade, 1905–Santiago de Compostela, 1999), foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, así como director do Museo do Pobo Galego e cronista oficial de Galicia. Estudoso da nosa realidade cultural desde diferentes ámbitos, destacou sobre todo nos eidos da etnografía e da antropoloxía, onde os seus traballos contribuíron decisivamente ao coñecemento da cultura popular e ao afondamento na nosa identidade. A RAG, a través do seu presidente, Víctor Freixanes, destacou, entre outras razóns para dedicarlle a don Antonio o 17 de maio, a súa continuada defensa da lingua propia de Galicia como idioma de expresión válido para abordar calquera área do coñecemento e a coherencia do seu percorrido vital, guiado pola lealdade ao seu pobo.

Comparte